O pleno municipal de Baiona apoia a ampliación do novo Porto Deportivo

O Alcalde Jesús Vázquez Almuíña reuniuse tamén con Portos de Galicia, a empresa náutica Nauplia e as asociacións do porto

Baiona | Este mércores, 21 de maio, o Concello de Baiona celebrou un Pleno Extraordinario, a pedimento do grupo municipal socialista, para debater sobre o proxecto de execución e finalización do porto deportivo, actualmente tramitado pola nova concesionaria Nauplia Capital S.L.

A sesión coincide, precisamente, co décimo aniversario da aprobación do Plan Especial do Porto de Baiona, o que outorga un especial simbolismo a este debate sobre o futuro dun dos espazos estratéxicos da vila. O equipo de goberno defendeu na sesión, a legalidade e viabilidade do proxecto, que conta con todos os informes sectoriais preceptivos, incluído o informe de compatibilidade coa Estratexia Mariña da Demarcación Noratlántica, emitido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico fai oito meses. Este informe garante que a actuación é plenamente compatible cos obxectivos de conservación e uso sostible do medio mariño, conforme á normativa estatal e europea vixente.

Desde o equipo de goberno, lamentan profundamente que os grupos da oposición pretendan xerar confusión e alarma social, tratando de terxiversar unha intervención técnica perfectamente regulada como unha “ampliación sen control”. A realidade é clara: trátase dunha actuación prevista no plan urbanístico aprobado hai unha década, apoiada polos informes técnicos competentes, tramitada conforme á lexislación sectorial, e cos obxectivos de protexer o medioambiente, mellorar a calidade urbana, os servizos e a integración paisaxística da fronte litoral.

O concelleiro de Urbanismo subliñou a necesidade urxente de ordenar e urbanizar a contorna portuaria, xa que a situación actual do espazo xera un impacto visual negativo sobre a paisaxe urbana e marítima, prexudicando a imaxe da vila.

O equipo de goberno defendeu un modelo de desenvolvemento respectuoso coa contorna, fundamentado no cumprimento estrito de todas as esixencias ambientais que recolle o citado informe ministerial.

Reiterando o seu compromiso coa transparencia, a protección do medio ambente e a mellora dos servizos públicos, pedindo responsabilidade aos grupos da oposición para non alimentar discursos alarmistas que só entorpecen o avance de proxectos necesarios para o futuro de Baiona.

Xuntanza con Nauplia, Portos de Galicia e Asociacións
Previo á manifestación convocada polo BNG o pasado 13 de maio contra este proxecto, o Alcalde Jesús Vázquez Almuíña reuniuse cos representantes da empresa náutica Nauplia e Portos de Galicia para abordar a execución da primeira fase das obras de ampliación do Porto Deportivo, que comezaron este 19 de maio.

Almuíña tamén reuniuse coa Asociación Náutica Bahía de Baiona, a Asociación de Usuarios do Porto Deportivo e a Asociación de Pescadores, para explicar o alcance deste proxecto así como a súa transparencia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.