
Salvaterra de Miño | Na pasada Xunta de Goberno Local o goberno do Concello de Salvaterra de Miño aprobou os dous primeiros proxectos que se financiarán a través do Plan +Provincia do ano 2026.
Por un lado a cofinanciación do III Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. Un proxecto de máis de 314.000 euros destinado a renovación das instalacións do Pavillón Cándido Carrera e que se financia en 140.814,45 euros a través do plan de infraestruturas deportivas e os restantes 174.053,93 euros a través da liña de inversión do Plan +Provincia. Esta acción únese as xa executadas polo Concello en busca da modernización das instalacións deportivas.
Con esta última actuación acadase unha histórica inversión de preto de 1.500.000 euros con inversións realizadas tan importantes como a mellora das instalacións deportivas do Casal, do Campo de Fútbol do Oural, das instalacións deportivas da Canuda ou a modernización do Campo de Fútbol Antonio Bernárdez Gándara – Dextros. As obras consistiran na mellora da pista de xogo, que será substituída totalmente, a mellora da recollida de augas pluviais da cuberta, a mellora da ventilación e a instalación dunha cortina divisoria da pista para que durante os diferentes usos que hai no pavillón se poida dividir a pista en dous cun elemento separador.
Por outro lado a Xunta de Goberno local aprobou o proxecto de mellora do acceso ao polígono industrial Chan da Ponte polo Casal. Unha actuación que empeza no entronque da PO-403 co camiño Bouza do Viso, que comunica o Polígono Chan da Ponte, e que non ten zonas peonís definidas e que conta cun importante tráfico rodado.
Con esta obra preténdese realizar unha mellora da seguridade viaria e pavimentación no acceso ao Polígono, realizando unha senda peonil na entrada, diante das vivendas existentes de 2 m de ancho en formigón, cos servizos correspondentes soterrados, a instalación dunha varanda de protección de aceiro galvanizada e pintada na zona do torreiro e a plantación de arbustos, pavimentar os accesos, axustando as rasantes na entrada e crear unha zona de aparcamento definida. Unha actuación de máis de 218.000 euros.




