O Pereiro e San Cibrao das Viñas avanzan na numeración e xeolocalización dos inmobles

Ante o crecemento continuado da poboación dos dous concellos

O Pereiro de Aguiar | Celebrouse unha reunión da comisión de seguimento do proxecto de numeración e xeolocalización de inmobles dos concellos do Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas na que participaron os alcaldes así como persoal técnico de ambos e responsables da empresa adxudicataria.

Presentáronse xa os modelos de placas de numeración así como as características da aplicación informática de xeolocalización que constitúe outro piar fundamental do mesmo.

O crecemento continuado da poboación dos dous concellos fai necesario unha actualización e mellora da actual situación cara a posibilitar mellores servizos para os veciños tanto dende a administración como de empresas e profesionais do sector privado.

Con este proxecto, O Pereiro e San Cibrao van a contar con nova numeración, respectando na medida do posible a xa existente, que será homoxénea en cada concello e que facilitará moito a localización de cada inmoble coas múltiples vantaxes que iso supón.

A aplicación de xeolocalización permitirá, de xeito moderno, a través dos diferentes buscadores, localizar con exactitude a situación dos inmobles que se precisen favorecendo o cumprimento das competencias das diferentes administracións así como a prestación dos servizos por parte de profesionais e empresas do sector privado.

Tamén se creará unha APP para acceder a todos estes servizos favorecendo o seu uso.

O importe económico deste proxecto ascende a máis de 141 mil euros do cal a metade será aportado a través do programa Leader xestionado pola Asociación de desenvolmento rural da comarca de Ourense (ADERCOU) e o resto polos dous concellos.

A poboación beneficiada en ambos concellos supera os 12.300 habitantes onde se asentan centos de empresas que conforman o cinto industrial de Ourense. O proxecto estará executado para o outono deste ano.