O Pavillón do Álvaro Pino en Ponteareas volve a estar a pleno funcionamento

O Concello investiu 24.000€ en obras de reparación

Ponteareas | Canaletas atascadas, madeira en mal estado e xuntas que supuñan un risco para as e os deportistas foron algúns dos motivos polos que a concellería de Deportes do Concello de Ponteareas decidiu realizar un investimento de 24.000 euros para obras de mellora do pavillón nº2 do complexo deportivo Álvaro Pino con apoio do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Aproveitando o parón do verán e para non prexudicar o normal funcionamento dos clubs deportivos estanse realizando intensos traballos de reparación do solo de madeira, aproximación de xuntas que constituian un perigo para as e os deportistas, pintado de paredes, imprimación de protectores do solo e limpeza de canalizacións exteriores de auga que ao estar obstruídas provocaban filtracións cara o interior do pavillón.

“Tras anos sen mantemento as canaletas estaban atascadas e provocaban a entrada de agua no interior, por mor disto o solo foise pudrindo e agora temos que levantalo e substituílo nalgúns puntos da pista. Noutros estamos axustando as xuntas que provocaban caídas”, explica o concelleiro de Deportes Nicolás Rodríguez ao tempo que engade que realizar tarefas de mantemento é vital para a seguridade dos deportistas ademais de evitar danos maiores.

O pavillón nº2 do Álvaro Pino ten un uso intenso cunha media de oito horas diarias os sete días da semana. É a pista de adestramento dos clubs de bádminton, baloncesto, fútbol sala e patinaxe e tamén acolle cada fin de semana partidos e torneos.

Estas obras súmanse ás realizadas no pavillón nº1 cun custo total de 48.397,58 €, financiadas a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Ademais o Concello colocou marquesiñas nas entradas dos dous pavillóns para protexer as persoas usuarias da choiva.

As tarefas diarias de mantemento e as melloras son para a alcaldesa Nava Castro a dinámica de traballo que debe serguirse dende todas as áreas, “indispensable para que os servizos prestados á cidadanía sexan óptimos e axeitados ás necesidades actuais. Un bo uso por parte de todos o coidado permanente son fundamentais para conservar en bo estado o que é de todas e de todos”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.