A morte do Papa Bergoglio, seica presentida nas últimas semanas, tivo a singularidade do seu derradeiro discurso, fronte ao vicepresidente trumpista dos EUA, dunha ferreña defensa dos dereitos das persoas migrantes e da súa crítica fronte ás deshumanizadas políticas de inmigración desenvolvidas pola Administración Trump dende o último 20-X.
Titulo este artigo consonte coa idea que me transmite este luns, día do falecemento do Papa Francisco, un dos máis recoñecidos teólogos deste País-canda Torres Queiruga-, Vitorino Pérez Prieto. Porque Bergoglio abriu unha ampla chaira de traballo común eclesiástico co mundo (il secolo, segundo din os teólogos italianos) e, mesmo, coa non crenza.
O Papa falecido era un xesuita fornecido con amplos coñecementos doutrinais filosóficos, teolóxicos, históricos e xurídicos que entendeu, até a súa morte onte, que a Igrexa só sobrevivirá se muda de vez. Se entende o que require dela il secolo e pon a liberdade, a igualdade, a dignidade e os dereitos da persoa no centro do seu labor pastoral no canto de fórmulas baleiras moralizantes e xerarquizantes. Neste senso, o seu labor foi fulcral para neutralizar, na medida do posíbel, a influencia de perigosas sectas sociais e para sancionar os abusos sexuais de determinados persoeiros eclesiais.
Por outra banda, a súa encíclica Laudato constitúe (outra volta seguindo a análise de Pérez Prieto) unha nidia aposta ecoloxista, canda unha innovadora revolución teolóxica comparábel á Pacem in Terris do papa Roncalli. Nestes anos de pontificado Francisco condenou o militarismo, o rearme e o racismo e anovou a aposta primixenia da Igrexa polos máis vulnerábeis, criticando os pactos e modus vivendi da Igrexa cos poderosos.
Porén, a primavera non puido ser verán. O débito bergogliano, como tamén afirma o teólogo galego, foi non avanzar de xeito decidido ou, polo menos, polos alicerces dunha grande reforma eclesial que recoñecera o ministerio dos sacerdotes casados, o acceso das mulleres á cualidade presbiterial e máis a reincorporación das persoas divorciadas á praxe da Igrexa. Cuestións todas que son fulcrais para a maioría da Igrexa alemá e para sectores amplos da Igrexa Universal. Quizais o medo a unha ruptura, ao cisma, pexou na vontade do antigo xesuita.
“Que virá deste vindeiro Conclave? Semella que Bergoglio artellou o Colexio de Cardeais que ha elixir o novo Papa consonte a unha liña aperturista”
Que virá deste vindeiro Conclave? Semella que Bergoglio artellou o Colexio de Cardeais que ha elixir o novo Papa consonte a unha liña aperturista, polo que cumpriría prognosticar un Papa na liña bergogliana ou, como peor posibilidade, un Papa de transición formalmente aperturista que conxelara sine die as reformas. Porén, cómpre advertir dunha posibilidade moi pouco probábel, mais ben perigosa: que unha maioría electoralmente operante do Colexio Electoral (é isto é un concepto dinámico, que transita de votación a votación) concorde nunha reviravolta na gobernanza da Igrexa Católica aliñándoa cos trumpismos e extremismos varios que seica definen unha clara ofensiva restauracionista.
De calquera xeito, Jorge Mario Bergoglio, o Papa Francisco, marchou xa deixando un mundo de axentes eclesiais pulando por un movemento de reacción. Seica o novo Papa terá que elixir arre ou xo.