
Ourense | A 19 edición do Outono Gastronómico pechou as súas portas cun novo éxito de ingresos e participantes. Dos datos ponderados da enquisa cuberta polos establecementos participantes, conclúese que a cifra de ingresos totais estimados acadou para a campaña de 2025 os 715.322€, un 11% máis que en 2024. Participaron 8.623 clientes, un 1,3% máis que o ano anterior.
A iniciativa, que estivo vixente desde o 19 de setembro ata o 21 de decembro de 2025, contou coa participación de 78 establecementos repartidos por toda Galicia. A provincia con maiores datos de ingresos e clientes estimados foi Ourense, con 1.270 clientes e ingresos de 115.293€, froito da campaña de promoción realizada desde Turismo de Galicia a favor dos concellos afectados polo lume o pasado verán. Concretamente, 11 establecementos participantes neste programa estaban situados en zonas afectadas por incendios, o que representaba un 14% do total dos establecementos.
A modalidade de paquete que concentra o maior volume de gasto é a de fin de semana dobre, pola que se ingresaron 323.985€, con 1.246 clientes. Esta inclúe dous Menús Outono Gastronómico e dous almorzos para dúas persoas, así como o aloxamento para as noites de venres e sábado.

Segue a modalidade de paquete dobre -un único Menú e unha noite para dúas persoas-, con 214.709€. A modalidade de Menú ingresou 70.842€, mentres que a fin de semana cun neno ou nena sumou 30.078€ e con dous menores 29.450€. A fin de semana individual garantiu 26.682€, mentres que co paquete individual sumáronse 19.576€.
Analizando por tipo de produtos, sen embargo, obsérvanse lixeiros cambios. O produto máis demandado foi o de Menús, do que se venderon 1.889 unidades. Seguen os paquetes dobres, con 1.301 vendas; e 1.246 de fin de semana dobre.
En termos porcentuais respecto á edición de 2024, ademais do incremento nos ingresos totais do 11%, aumenta tamén o total de clientela nun 1,3%. A modalidade que máis crece é a de fin de semana dobre, cun incremento do 29%, seguida pola de fin de semana individual, cun 27%.
De setembro a decembro
Un ano máis, Turismo de Galicia pechou unha nova edición dun programa que se desenvolve durante os meses de outono no marco da estratexia autonómica de desestacionalización da oferta turística. Concretamente, este ano desenvolveuse entre o 19 de setembro ata o 21 de decembro e a proposta incluía un menú Outono gastronómico, sen aloxamento; un paquete Outono gastronómico, para estadías dunha noite; e unha fin de Semana Outono gastronómico con dúas noites e coa variante de Fin de Semana Familiar Outono gastronómico con estancias de dúas noites de un ou dous adultos con un ou dous neno/as.
Ademais, un total de 26 establecementos ofertaron o Outono Plus, cun programa de actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en kayak, sendeirismo, visitas a adegas con degustación.
Turismo de Galicia apoiou este programa coa participación de 10 influencers que contribuíron a difundir nas redes sociais as características da proposta. Ademais, tamén se levaron a cabo concursos as propias redes sociais de Turismo de Galicia e editáronse 9.900 guías en castelán e galego que se distribuíron nos establecementos participantes e nas oficinas de turismo e outros espazos públicos.
Desde que comezou este programa en 2007 e cos datos estimativos desta última edición, os ingresos xerados no sector superan os 7,3M€ e as 110.000 persoas participantes nesta iniciativa.




