O orzamento municipal máis alto na historia de Tui

Con 13,7M€, un 10% máis que no 2025

Tui | O Concello de Tui contará neste ano 2026 co orzamento máis alto da súa historia por importe de 13.691.522,62€, o que supón un incremento do 10,70% con respecto ao que está en vigor de 2025. As contas para 2026 foron aprobadas na sesión plenaria do mes de marzo cos votos a favor dos seis concelleiros socialistas do equipo de goberno e do concelleiro non adscrito José Palacín. O documento contou coa abstención do BNG e o voto en contra do PP. Tras a tramitación plenaria este martes publicouse no BOPPO o anuncio de aprobación inicial e exposición pública durante quince días.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou que este orzamento é “tecnicamente impecable” e “reflicte unha situación das contas públicas óptimas” engadindo que “o Concello de Tui conta cunha excelente saúde financeira” así o reflicte a liquidación orzamentaria do exercicio 2025 , cun remanente de tesourería para gastos xerais de 6.420.766,79 € ao que terá que incrementarse en preto de 1.000.000 €, cos ingresos que se repercutirán pola apertura rúa Ourense sentido norte entre outros. Por outra parte o rexedor tudense explicou na sesión plenaria que este orzamento “blinda o gasto social” e está destinado “a garantir os servizos público”. Tamén afirmou que estas contas “vannos permitir afrontar desafíos importantes”.

O concelleiro de Facenda, Miguel Méndez, que na sesión plenaria explicou que este é “un orzamento totalmente realista e prudente nas estimacións de ingresos, así como na distribución dos gastos” traballado con asociacións, veciños , grupos da oposición e incorporando a maioría das súas peticións. Detallou na súa intervención os distintos capítulos do documento, e onde se producen os principais incrementos.

O orzamento do Concello de Tui para 2026 aumenta en 1.322.919,19€ dos que 1.319.919,19€ corresponden a operacións correntes e 3.000€ a operacións de capital. Nos ingresos sobe a previsión de recadación en taxas e prezos público un 27% debido ao incremento do servizo de recollida de lixo, á revisión da taxa por aproveitamento especial do dominio público por empresas explotadoras de servizos, á recollida selectiva e ás execucións subsidiarias. No capitulo 4 o Concello de Tui contará este ano cun 8% máis de ingresos, correspondentes á Participación nos Tributos do Estado 311.291,56 € e á achega de 243.680,00 € da Xunta ao financiamento do SAF, que pasará a ser de 16€/hora, importe insuficiente xa que o custe da hora do servizo esta en 23€ , nun servizo que a competencia e Autonómica.

Nos orzamentos de 2026 o capítulo de investimentos reais sobe nun 30.68% en 141.389,72€ contemplando actuacións moi demandadas coma o arranxo do cemiterio de Baldráns, o arraxo do lavadoiro de San Domingos, a creación dunha Aula de Estudo, a mellora de pavimentación en Camiños Rurais, unha rampla de accesibilidade á praia da Metralla, a adquisición de luminarias led e contedores, entre outros. Tamén en transferencias se contempla a achega municipal correspóndete ao exercicio 2026, nos convenios coa C.H.M.S. para obras coma a Senda do río Caselas, ou a Ponte sobre o Regato Cotarel, e tamén consignase o importe de 16.665,87€ para o asinado dunha addenda ao convenio coa Entidade Local Menor de Pazos de Reis para a construción dun muro na zona de Frinxo, ademais de incrementar a partida da aportación dos tributos da E.L.M. Pazos de Reis pasando 25% ao 33%.

Tamén no capítulo de gastos sobe nun 7% os gastos de persoal ante o incremento dos salarios do persoal laboral e funcionario en base ás últimas actualización, e por outra parte á actualización do IPC das retribucións do equipo de goberno e por asistencia a plenos, comisións informativas e xuntas de goberno. Tamén aquí se rexistrar un alza nas cotizacións á Seguridade Social. Amais contémplase unha praza de arquitecto e unha de técnico da administración xeral para o departamento de urbanismo durante 12 meses.

Nos orzamentos de 2026 recóllese un incremento de 150 mil para a realización de execucións subsidiarias, dos que 50 mil serían no conxunto histórico e 100 mil no resto do territorio municipal. A maior subida no gasto corrente corresponde ao Servizo Axuda no Fogar (SAF) xa que o importe actualizado do novo contrato rexistra unha subida de 443.574,20 €, o que representa un 79,13 % . Ante a licitación do servizo de mantemento de zonas verdes e parque e roza, que se realizará este ano, esta partida aumenta un 19%. Pola contra, baixan as consignacións noutras partidas pola adxudicación de servizos coma son telefonía e combustible.

Neste 2026 incrementase en 31.132,02€ o capítulo de transferencias correntes pola suba do importe destinado a subvencións sobre todo na área de servizos sociais, como as destinadas a Cruz Vermella Baixo Miño, Avelaíña, San Xerome, SOS Tomiño Baixo Miño, Asociación Galega de Axuda ao Sáhara ou Accesca, no ámbito deportivo como o Club Quinta de Tui FUTSAL, Club Deportivo Ribadelouro e o Club de Fútbol Guillarei , así como a Asociación de Comerciantes ACITUI e ao incremento nun 25% do convenio coa UNED. Os novos orzamentos contemplan tamén o incremento en 6 mil euros do convenio de mantemento do canil, dos que 3 mil van destinados á Protectora de Animais Aloia, e outros 3 mil á Asociación Callejeriños Tudenses. Por outra parte recolle o incremento da partida destinada a sinalización vial horizontal en 20.000 € e á vertical en 8.000 €.

Estes orzamentos, que poderán estar en vigor a finais de abril, cun importe de 13.691.522,62 € é o máis alto da historia deste Concello.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.