O novo Plan para o Polígono da Lomba permitirá un aforro de 2,4M€

Concello e propietarios avanzan nas negociacións

Ponteareas | Éxito de participación nas reunións celebradas no Concello de Ponteareas para informar polo miúdo do proxecto que resolve anos de bloqueo da Lomba. Propietarias/os de solo e empresarias/os do polígono da Lomba asistiron para coñecer o proxecto e resolver dúbidas.

“Un documento que resolve anos de inquedanzas e que outorga seguridade xurídica e urbanística ás empresas pero tamén unha saída a terreos infrautilizados e abandoados e dispor de solo para novos usos e zonas verdes das que gozar toda a cidadanía”, con estas pinceladas a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, resume o documento de modificación nº 2 do PXOM SURBZ-IND 01 “A LOMBA” que permitirá xerar emprego, atraer novos capitais e pór en valor propiedades bloqueadas ademais de posibilitar o asentamento de novas propostas comerciais e ofrecer novos espazos de lecer.

Unha solución eficiente, sostible e realista
A responsable de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, salienta que era necesario modificar o actual PXOM, un documento vivo que debe traballarse e xestionarse para axeitarse ás necesidades da cidadanía. A nova ordenación achega importantes melloras respecto ao planeamento anterior como o aforro de 2,4 millóns de euros en custos de urbanización interior e conexións exteriores. O plan aprobado reduce a rede viaria nun 30%, o que mellora a eficiencia do solo e diminúe os custos de execución.

Tamén permitirá un incremento das zonas verdes nun 20%, acadando máis de 67.000 m², que permitirán crear un corredor ecolóxico cara A Freixa. Ademais, reducirase o número de propietarios de 144 a 85, o que simplifica a xestión do solo.

Informa a concelleira que a repercusión do custo por m²: pasa de 50 €/m² a só 17,77 €/m² e posibilitará un incremento do aproveitamento urbanístico, que pasa de 0,351 a 0,386 m²/m² (un 10% máis valor edificable). Tamén aumenta a edificabilidade neta de 36.000 m² a máis de 56.000 m². “Este novo planeamento fa posible que se poida dispor dun 50% do solo duplicando as posibilidades de que se asenten novas empresas ou medren as actuais”.

A alcaldesa Nava Castro salienta a importancia deste documento “realista e resolutivo que transforma os anos de parálise en novas oportunidades”. Nun novo exercizo de xestión e tras moitas reunións nas que pór en común, analizar e chegar a acordos o goberno soluciona unha das demandas máis antigas e urxentes. “Hai que estar cos pés na terra e valorar todas as opcións, non dubidar en consultar e insistir en buscar accións que permitan avanzar”.

Con beneficios para a cidadanía
A modificación incorpora tamén medidas para facer compatible o desenvolvemento co entorno e a calidade urbana. Así, a parcela da antiga fábrica de madeira, demólese e pasa a zona verde. A parcela da antiga fábrica de cerámica reordénase como solo de uso terciario, abrindo a porta a servizos e actividades complementarias.

Tamén se suprimen reservas dotacionais innecesarias e se elimina a obriga de soterrar a liña de alta tensión, garantindo a viabilidade económica do sector. Inclúense aceras e un carril bici, mellorando a mobilidade peonil e ciclista e integrando a zona coa vila.

O plan da Lomba contempla a adaptación da ordenación viaria aos enlaces previstos polo MITMA na N-120 e adáptanse ás infraestruturas de abastacemento, saneamento, electricidade e telecomunicacións actualizándoos á realidade.

Xestión áxil
En menos de dous anos o goberno conseguíu aprobar inicialmente o Plan Parcial para A Lomba. Comezando por asinar un convenio coa Consellería de Emprego e Industria o 13 de novembro de 2023 dotado de 100.000€ para redactar o plan, axilizando a licitación e adxudicación, mantendo reunións individuais coa propiedade e empresarios e tamén colectivas e levando a súa aprobación inicial a pleno o 29 de xullo de 2025.

A concelleira de Urbanismo, o segundo tenente de alcalde acompañados do técnico responsable da redacción do plan e da arquitecta coordinadora da oficina técnica municipal mantiveron distintas reunións, nalgunhas delas coa presenza da alcaldesa, cos voceiros dos grupos da Corporación, empresas da zona, propietarias e propietarios de solo, propietarios do barrio da Freixa e coa Asociación de Veciños da Freixa para explicar con detalle o plan, resolver dúbidas e recoller inquedanzas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.