
Santiago de Compostela | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo chegar aos grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional de sete puntos en defensa da paz, do dereito internacional e contra a guerra, nun momento marcado pola escalada militar en Oriente Medio e pola preocupación internacional ante as súas consecuencias.
A proposta fai referencia á guerra de Iraq, iniciada hai pouco máis de dúas década, reafirmando o principio democrático de “Non á Guerra” pero tamén fixa unha posición clara respecto da situación interna de Irán. O texto repudia o réxime iraniano pola represión e pola vulneración dos dereitos fundamentais da súa propia cidadanía, especialmente das mulleres, ao tempo que defende que a resposta ao actual conflito non pode ser militar, senón diplomática e política.




