O Nadal, Tempo de Reis, na obra de Rafael Carracedo.

Anxo Serafín Porto Ucha e Mª Raquel Vázquez Ramil | Un ano máis, con motivo das Festas de Setembro en Ponteareas, tivo lugar o xa asentado concurso de gaitas na Vila do Tea. Unha nutrida representación de concursantes asistiu a este encontro, cunha Comisión de selección ao respecto, da que formaba parte, entre outros representativos da música popular, Rafael Carracedo Crespo, nado en 1987, o recoñecido músico de raíces gulansesas, tataraneto do fundador da Banda de Música de Guláns José Carracedo Domínguez (coñecido por Pepe de Miguel). Rafa Carracedo, dunha amplísima formación musical, moi polivalente e versátil (trompeta, fliscorno, gaita, requinta…), ademais de fliscorno solista da Unidade de Música da Garda Real (Madrid) e un consumado e entusiasta gaiteiro tanto na citada Unidade, como en distintas eventos ou festivais (acaba de acadar o 1º premio do último Festival Intercéltico en Lorient)

Procesión de San Xulián en Guláns, Xaneiro de 2003. Foto dos autores

Carracedo está chamado a formar parte non só do selecto elenco de executantes do noso instrumento musical máis representativo, senón da obra escrita no eido cultural, ligado así á nómina de investigadores da música popular galega. En 2017 publicaba en Edicións Embora A Requinta da Ulla. Obradoiro Riobó, sobre unha meritoria investigación realizada na terra da súa nai, da que nos deixa un total de 85 partituras, produto dun exhaustivo traballo de campo polo Val do Ulla, no que tivemos a oportunidade de colaborar. Falabámoslle alí, no Limiar, da urxente necesidade de recolleita das danzas de Reis do Nadal polas terras do Condado e arredores, un traballo de conxunto no que se poidan analizar semellanzas e diferenzas: As danzas de Fozara ou as de Guláns, en Ponteareas; as de Ríofrío, no concello de Mondariz; máis arriba, xa en Terra de Montes, as de Cotobade, Anceu, Pontecaldelas e Forzáns; nas Neves as de Tortoreos e Taboexa, estas xa mencionadas por Casto Sampedro Folgar, o musicólogo e historiador redondelán que en 1884 colaborara na creación da Sociedade de Folklore Galego, que posibilitou a realización do Cancioneiro Musical de Galicia, onde participou igualmente Marcial Valladares. Quedan tamén ecos por Lira, Pesqueiras, Salceda de Caselas, etc. Sinalabamos alí que haberá que estar atentos, pois, a futuros traballos de Rafael Carracedo, incluído o Baixo Miño, a terra da súa dona.

“Carracedo está chamado a formar parte non só do selecto elenco de executantes do noso instrumento musical máis representativo, senón da obra escrita no eido cultural, ligado así á nómina de investigadores da música popular galega”

No citado encontro de grupos de gaiteiros en Ponteareas, tivemos ocasión de escoitar de Rafa Carracedo na gaita, fora de concurso, acompañado por Lola, da referida Comisión no tamboril, a magnífica interpretación dun valse que o Gaiteiro dos Almuíña, cos irmáns Alfredo e Antonio -ou mesmo Alfredo Fragueiro Souto e os de Salvador en Valiñas, etc. tocaron moitas veces nas Festas Patronais de Guláns, baixo a advocación de San Xulián (ou Xián). Trátase dunha peza a ritmo de valse, executada por un grupo de danzantes de arquiños, feitos de humildes bimbios mansos, adornados con cintas de distintas cores (amarelo, branco, verde, vermello…); é a Danza de Diante do Santo, que a xente acode a contemplar todos os anos, nun acto de gran solemnidade, pero tamén de profundo respecto e relixiosidade, avanzando sempre para atrás na procesión arredor da igrexa, sen darlle nunca as costas ao Santo. Paga a pena vivilo in situ o 7 de xaneiro, día do Patrón San Xulián, en Guláns (Ponteareas).

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.