O Nadal na Cañiza con Parque de Atraccións infantil

Estará na Praza Maior durante os días 26, 27 e 28 de decembro

A Cañiza | Esta mañá o Alcalde Luis Piña acompañado de Sandra Fidalgo e Elena Muñoz, Presidenta e Tesoureira da Asociación de Comerciantes da Cañiza, presentaron esta actividade que forma parte da programación de Nadal para este 2025. No acto estivo tamén presente Gloria Bernárdez, en nome da empresa Especialistas Hípica Celta, encargada da instalación e xestión das atraccións.

Esta actividade navideña tamén está encadrada dentro das campañas de promoción, dinamización e fortalecemento do comercio local, impulsadas polo Concello da Cañiza en colaboración coa Asociación de Comerciantes da Cañiza, como é o caso da campaña “A Confianza de Sempre, Agasállate este Nadal” que comezou este luns 15 de decembro e que celebrará o seu primeiro sorteo o venres 26.

Trátase dunha proposta que se vén desenvolvendo desde hai catro anos e que se consolida como unha ferramenta máis para incentivar o comercio local durante a campaña de Nadal, combinando o apoio ás compras de proximidade cunha oferta de ocio e lecer dirixida especialmente aos máis pequenos.

Durante os días 26, 27 e 28 de decembro, o Concello instalará na Praza Maior un mini parque de atraccións infantil que contará cunha baqueta, carrusel, camas elásticas e xogos de inxenio. Ademais, o día 27 de decembro, os nenos e nenas poderán desfrutar dunha actividade de pintacaras en horario de tarde.

O prezo de acceso a cada atracción será de 3 € por persoa. Non obstante, a compra en calquera dos establecementos da Cañiza adheridos a esta iniciativa permitirá obter un ticket desconto de 2,00 €, que poderá presentarse no acceso a cada atracción, quedando o custo final en 1,00 € por neno ou nena.

O parque de atraccións permanecerá aberto na Praza Maior en horario de 11:30 a 14:00 h e de 16:00 a 19:30 h. En caso de choiva, a actividade quedará suspendida ata que mellore o tempo dentro das datas establecidas. Segundo manifestou o Alcalde nesta presentación “trátase dunha iniciativa que reforza a aposta polo comercio local, polo comercio de sempre, próximo e comprometido”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.