O Nadal na Cañiza

Cunha completa programación festiva

A Cañiza | O Alcalde da Cañiza xunto aos concelleiros de Goberno presentaron a programación do Nadal 2025-2026, deseñada para que todas as nenas, nenos e veciñas e veciños poidan desfrutar destas datas tan especiais.
Este anuncio chega tras a multitudinaria inauguración das Festas de Nadal o pasado 30 de novembro, cando centos de persoas se reuniron na Praza Maior para celebrar o acendido do alumeado e compartir unha gran chocolatada.

O Alcalde Luis Piña, xunto co seu Equipo de Goberno, presidiu a conta atrás que devolveu á Cañiza a súa imaxe luminosa da man de Iluminaciones Ximénez, empresa referente estatal e encargada da decoración por sétimo ano consecutivo, coa instalación realizada por Electricidade Lago.

Nesta campaña instaláronse 87 elementos decorativos que permanecerán acesos até o 7 de xaneiro de 2026, mantendo criterios de eficiencia enerxética e horarios de iluminación optimizados. Esta inauguración marcou tamén o inicio oficial da programación das Festas de Nadal 2025-2026.

Papá Noel visita ás nenas e nenos nos coles!
O programa cultural para este Nadal dará comezo o martes 16 de decembro ás 12h cunha videoconferencia con Papá Noel desde Laponia para o alumnado de Educación Infantil, na que lles informará da súa visita aos centros escolares o 19 de decembro:
10:00 h → CPI da Cañiza (Infantil e Primaria)
12:00 h → Escola Infantil Municipal
13:00 h → CEIP Valeixe

Ese mesmo día, a Escola de Música da Cañiza ofrecerá un Concerto de Nadal ás 20:00 h no Auditorio da Casa da Cultura, onde o alumnado poderá mostrar os avances adquiridos nesta primeira avaliación escolar.

O 20 de decembro ás 16:30 h celebrarase no Auditorio da Casa da Cultura a Festa de Papá Noel, que incluirá o espectáculo infantil “A Bailar no Nadal”, merenda, agasallos, visita de Papá Nöel e un buzón de cartas para enviar as cartas dos máis pequenos.

A tradicional Papanoleada Motera celebrarase o 21 de decembro ás 16:30 h, organizada polo Clube Tumbada As 4, que un ano máis colabora co Concello reunindo decenas de moteiros que percorrerán as rúas da vila agasallando á veciñanza con caramelos.

Da man da Asociación Deportiva Sobre Rodas da Cañiza, poderemos gozar do Festival de Nadal da Escola de Patinaxe o 21 de decembro ás 17:00 h no Pavillón de Valeixe, cunha epectacular exhibición dos alumnos.

A programación cultural inclúe tamén o Festival de Corais – Nadal 2025, que terá lugar o domingo 21 de decembro ás 19:00 h no Auditorio Municipal do Concello da Cañiza. Participarán a Coral Ecos do Folón de Fornelos (O Rosal), a Coral Polifónica Lira de San Miguel de Oia e a Coral Polifónica A Cañiza, que se unirán para formar un Orfeón Coral con máis de 100 voces.

A Asociación Deportiva Reviravoltas de Valeixe celebrará tamén o seu Festival de Nadal de Patinaxe o 28 de decembro ás 17:00 h. As alumnas e alumnos serán os encargados de achegarnos a maxia sobre os patins.

E neste Nadal, o Concello da Cañiza oferta tamén un Campamento dirixido a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. Desenvolverase os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, así como o 2 de xaneiro, en horario de 08:00 a 15:00 h, nas instalacións da Casa da Cultura. Poderán participar nenas e nenos de 3 a 12 anos.

Se o tempo o permite, un ano máis estará aberto o Parque de Atraccións Infantil na Praza Maior os días 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 11:30–14:00 h e 16:00–19:30 h, con camas elásticas, xogos de inxenio, maquillaxe e actividades de animación.

Visita dos Reis Magos Á Cañiza
En xaneiro chegará Xogacañiza, os días 2 e 3 de xaneiro, con inchables no pavillón municipal, en horario de 16:30 a 19:30 h.

E o 4 de xaneiro, os Reis Magos visitarán as distintas parroquias nos seguintes puntos e horarios:
A Franqueira – 14:30 h (O Cebreiro)
Luneda – 15:00 h (San Roque)
Parada – 15:20 h (Igrexa)
Valeixe – 15:40 ( Hermandad)
O Couto– 16:05 h (Igrexa)
Oroso – 16:25 h (Igrexa)
Petán– 16:45 h (Igrexa)
As Achas – 17:05 h (Igrexa)

A xornada culminará coa tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas da Cañiza o 4 de xaneiro ás 18:30 h, con carrozas, fogos artificiais e remate coa recepción oficial no Auditorio da Casa da Cultura ás 19h.

Un Nadal para compartir!
No peche da presentación, o Alcalde Luis Piña afirmou que esta programación busca fomentar a convivencia e crear espazos de encontro, diversión e participación.

“Queremos que A Cañiza viva un Nadal cheo de ilusión”. Cada unha destas propostas está pensada para que pequenos e maiores gocen destas datas tan especiais”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.