
Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de anunciar que o músico ponteareán Rafael Carracedo Crespo será o encargado de pronunciar o pregón das Festas do Corpus Christi 2026, declaradas Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial, recoñecementos que avalan a singularidade e valor patrimonial dunha celebración única.
Con raíces na parroquia de Guláns, Rafael Carracedo desenvolve a súa carreira musical na Unidade de Música da Garda Real, converténdose nun referente do talento local e da tradición musical que caracteriza á vila do Te. Rafael Carracedo gañou no ano 2025 o máis prestixioso premio no mundo da gaita, o “Trofeo MacCrimmon” do Festival Intercéltico de Lorient no mes de Agosto de 2024.A súa designación como pregoeiro recoñece tanto a súa traxectoria profesional como o seu vencello coa cultura e coas tradicións de Ponteareas.
O Concello de Ponteareas ten nas alfombras de flores e na música as súas principais señas de identidade. Cada ano, milleiros de persoas enchen as rúas do municipio para contemplar a arte efémera das alfombras florais, unha expresión colectiva elaborada polas veciñas e veciños alfombreiros que converten a vila nun gran museo ao aire libre.
A alcaldesa, Nava Castro, destaca que o pregón de Rafael Carracedo simboliza a unión entre as dúas grandes almas da festa: a tradición das alfombras e a excelencia musical. Pola súa banda o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez Carrera, explica que o acto do pregón marcará, como é tradición, o inicio oficial das celebracións do Corpus Christi 2026, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha festa que é patrimonio vivo de Galicia e embaixadora internacional da cultura ponteareá. A lectura do pregón será o domingo día 31 de maio e o domingo de Corpus será o 7 de xuño.
Traxectoria de Rafael Carracedo Crespo
Rafael Carracedo Crespo nace no seo dunha familia de fonda tradición musical da parroquia de Guláns (Ponteareas). É licenciado en Música na especialidade de Trompeta polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.
Obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Grao Profesional no Conservatorio de Música Teresa Berganza de Madrid e acadou a Matrícula de Honra Fin de Carreira no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid no ano 2009. No curso 2008/09 foi admitido na aula de trompeta da Universität für Musik Mozarteum de Salzburgo (Austria), onde obtivo as máis altas cualificacións.
Como trompetista e fliscornista é convidado asiduamente pola Orquesta Nacional de España, a Banda Sinfónica Municipal de Madrid, a Orquesta Sinfónica da RTVE, a Orquesta Sinfónica de Madrid e a Orquesta Sinfónica de Galicia.
Foi membro da JONDE (Orquestra Xove Nacional de España) e da EUYO (Orquestra Xove da Unión Europea) e, durante cinco anos, trompetista titular da Orquesta Escuela da Sinfónica de Madrid (Teatro Real). Tamén foi convidado a actuar coa Orquestra Xove da Radio de Polonia en Varsovia e coa Hulencourt Soloists Chamber Orchestra de Bélxica.
No ámbito da música tradicional galega foi profesor de gaita e requinta no Centro Galego de Fuenlabrada e na Asociación Xirandela de Madrid. Colaborou en gravacións e concertos con prestixiosos grupos de música folk como BellónMaceiras, Radio Cos ou Korrontzi.
En 2017 publicou o libro A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó, un traballo etnográfico sobre a música tradicional galega e primeiro cancioneiro de música propia para requinta da Ulla, do que recentemente se publicou a segunda edición.
Como gaiteiro, tras unha dilatada traxectoria, obtivo numerosos premios en concursos, entre eles o primeiro premio no concurso de “Gaiteros no Exterior” de Valladolid en dúas ocasións, o primeiro premio do Certame de Gaita e Tamboril de Tui en 2022 e, recentemente, o prestixioso Trofeo MacCrimmon do Festival Intercéltico de Lorient.
Na actualidade, Rafael Carracedo é fliscorno solista da Unidade de Música da Garda Real.




