O museo das rodas de afiar de Florencio de Arboiro está no esquecemento

Nada se sabe do museo etnográfico da Ribeira Sacra no Castro de Caldelas

Castro Caldelas | Fálase de aldeas baleiras e, con elas, de oficios que se perden. Nas aldeas galegas, durante séculos, transmitíronse oficios, ferramentas, modos de vida… sobre todo por transmisión oral. Legáronnos así un patrimonio que seguramente non saberemos conservar.

Nunha sociedade rural pobre, descubriron que tirando dunha roda para afiar podían sobrevivir. Convertéronse en emigrantes temporais de inverno, mentres agardaban polas colleitas do verán. O que empezou sendo un traballo modesto fíxose profesión que os levou a percorrer España e medio mundo co seu obradoiro ambulante. Dediquei o meu libro “Os afiadores”: unha industria ambulante’ (1994) a recoller o seu oficio, gremio e xerga (o barallete). Entrevistei a centos de homes curtidos nun traballo duro.

Luíntra e Nogueira de Ramuín teñen sona de dar afiadores, pero tamén os houbo no Castro de Caldelas, Chandrexa, Montederramo, Trives e San Xoán de Río. Na parroquia das Cabanas non había casa sen un ou dous. Na miña aldea, Quintela, con vinte familias, coñecín dez afiadores (case todos no Brasil, Cuba e Bos Aires). Moitos acabaron en grandes tendas en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, León ou Navarra. Pero se hai un nome fundamental, ese é o escultor Florencio de Arboiro. Durante máis de corenta anos non só modelou a figura destes galegos nas súas esculturas, senón que recuperou todo tipo de rodas: dende o molexón á tarazana, pasando polas de pedra en carros de burro, en bicicleta ou en moto. Reuniu na súa casa unha colección única de rodas e documentos sobre os afiadores. Alí está o mellor museo do mundo sobre esta materia.

A Deputación de Ourense propuxo instalar ese gran museo en Ourense. Florencio finou hai case dous anos e a proposta quedou niso, igual que o museo da Ribeira Sacra, da Fundación Sotelo Blanco para O Castro de Caldelas.
Fálase moito da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade (UNESCO). Sería un enorme honor, pero teño a certeza de que, á vista do interese das institucións por proxectos coma estes, Galicia perderá esta oportunidade única.

Texto e Fotos: Olegario Sotelo Blanco.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.