O Ministerio de Turismo recoñece como Festa de Interese Turístico Nacional os entroidos do Oriente Ourensán

Turismo de Galicia e os concellos de Manzaneda, Viana e Vilariño presentaron a candidatura
ACER

Ourense | Os Entroidos do Oriente Ourensán: Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, na provincia de Ourense, que acaban de ser recoñecidos Festa de Interese Turístico Nacional. A distinción chega despois do traballo realizado desde a Xunta de Galicia en colaboración estreita cos tres concellos que reciben esta declaración conxunta polo seu carácter ancestral e valores culturais.

Xosé Merelles Remy, director xeral de Turismo, salienta que o anuncio vén de “dar un importante impulso ao turismo de interior apostando pola celebración de festexos en épocas fora de tempada”, polo que tamén supón un importante aval ás políticas de desestacionalización e desconcentración da Xunta de Galicia.

“A Secretaría de Estado de Turismo recoñece así unhas festas que suman atractivo turístico, tradición e cultura á oferta global do destino Galicia”, subliñou o director de Turismo, ao tempo que intensifican a autenticidade e singularidade da proposta galega.

Merelles Remy eloxiou ademais que esta declaración se produza precisamente nun momento no que Turespaña está a impulsar o turismo de interior cunha campaña precisamente gravada durante a celebración do entroido ourensán.

O Ministerio de Industria e Turismo recoñece así a unión dos tres municipios a favor da promoción de tres entroidos tradicionais de localidades limítrofes, nos que a veciñanza ten unha participación activa a través de manifestacións populares e festivas coma os folións e personaxes particulares.

A candidatura foi presentada polos tres Concellos: Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso que recibiron o apoio e colaboración en todo momento de Turismo de Galicia que vén traballando cos tres gobernos municipais desde o pasado ano.

Entre os aspectos máis valorados polo Ministerio, ademais de cumprir con todos os requisitos esixidos, está a unión entre os veciños en celebracións populares coma os folións e o seu percorrido polos outros municipios, a modo de embaixadas entre aldeas e realizando intercambios con folións doutros pobos. A isto engádense outras personaxes coma as máscaras e personaxes identificativos que cada un destes Entroidos teñen en común.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.