O mellor presidente dos EUA.

Leonard foi sen dúbida o mellor presidente dos EUA. Plantou árbores froiteiras nos xardíns da Casa Branca e fertilizábaos el mesmo cos seus propios excrementos. As mazairas, pereiras, nogueiras castiñeiros, … eran o seu orgullo e os primeiros domingos de cada mes deixaba que os votantes admiraran a súa creación, permitíndolles incluso probar os seus froitos; advertíndolles cuns carteis que miraran ben onde pisaban…

Porén Leonard era un presidente non desprovisto de soños de grandeza imperial e planeaba en secreto invadir México e Canadá; porén o seu xeneral de confianza -que se fixera pacifista en segredo tras participar en sete guerras- prolongou indefinidamente os planos de ataque e o Presidente gozou anos e anos planeando a invasión dos seus veciños; morrendo placidamente satisfeito, sen chegar a provocar a violencia, aínda a custo de non ver cumprido o seu desexo de unificar América do Norte baixo o seu mandato.

“Porén Leonard era un presidente non desprovisto de soños de grandeza imperial e planeaba en secreto invadir México e Canadá”

Por se fose pouco, Leonard era un presidente magnánimo e metía a man nas arcas públicas, xenerosamente, para agradar ás súas numerosas amantes. E falaba tan ben que eran multitude os seus admiradores e admiradoras que ficaban engaiolados ouvíndoo. Ademais era un devoto cristián, partidario da unión entre devoción e pracer, polo que mandou labrar un consolador coa figura de Sta. Isabel, co que xogaba discretamente nas recepcións oficiais (como enxeñosa distracción para evitar o tedio dos discursos alleos). Entre as súas afeccións e habilidades estaba a de comer salchichas e beber cervexa, establecendo un recor palacego cando inxeriu nada menos que sesenta e dúas salchichas unha detrás de outra, mentres bebía cervexa.

E pasou á Historia -se non coma un gran político- si como un dos máis pacíficos, sendo querido e homenaxeado ao longo e ancho de todo o mundo; pois deixara un bo recordo nos corazóns da meirande parte dos estadounidenses e da humanidade. Un brinde por Leonard!

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.