“O medio ambiente e o rural non se deben desatender”

Rosa María Covelo Alonso | Promotora do proxecto “Aloumiños da Terra”

Licenciada en Bioloxía, especializada en Educación Ambiental, Rosa María Covelo Alonso foi a gañadora en 2025 do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias realizado pola Fundación Juana de Vega a través do seu proxecto “Aloumiños da Terra” e a súa marca do “allo negro”, un relevante antioxidante. Destacan tamén a súa experiencia profesional como técnica de medioambiente no Concello de Ponteareas; como directora do parque do Sobroso, observadora científica en buques de pesca e guía nos parque naturais do Aloia, Corrubedo e Illas Atlánticas. É tamén unha das impulsoras da agrupación de voluntariado medioambiental VOLTEA Condado.

O teu emprendemento “Aloumiños da Terra” vén de gañar o premio principal do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega. Que nos podes falar deste proxecto?
“Aloumiños da Terra” leva xa sete anos dende a súa creación en 2018. Nese momento era técnica de Medio Ambiente no Concello de Ponteareas e saíu o curso de agricultura ecolóxica, o cal reforzou a miña vocación emprendedora. En 2015 fun a vivir ao rural, rehabilitando a casa dos meus avós paternos, e nese terreo de 2.000m2 na parroquia de Areas comecei cos primeiros pasos deste proxecto. Posteriormente cando xurde “Aloumiños da Terra”, empezamos tres persoas e, desde 2022, quedei eu soa con este emprendemento. Prácticamente foi como volver a empezar.

O “allo negro” tense constituído nunha especie de “marca estrela” deste proxecto. Por qué?
Eu entendía que cada quen cultivaba de todo pero tamén pensei que tiña que cultivar algo que me diferenciara do resto. Comecei este 2025 o proxecto coa Fundación Juana de Vega e foi aí cando empecei a falar deste “producto estrela” que teño na miña horta e a súa transformación en “allo negro”.

Pero estás xa comercializando?
Estamos aínda traballando no empaquetado e ata non ter completado todo o proceso non irá ao comercio, tendas, restaurantes, particulares.

Como está sendo a receptividade a esta iniciativa por parte dos actores institucionais?
É verdade que a Fundación Juana de Vega dache visibilidade, así como o Programa Labranza.

Tes en mente ampliar o radio de emprendemento?
Estamos traballando nunha marxe de cinco anos. Pero teño pensado tamén ampliar a superficie de plantación do allo.

Contas cunha importante traxectoria en materia medio ambiental. Como observas as políticas ecolóxicas que se están levando a cabo a nivel comarcal?
Creo que hai que ‘mollarse’. Dende o meu punto de vista creo que ao tema ambiental, como non é visible ata que realmente suceda unha catástrofe, non se lle presta demasiada atención. A parcela medioambiental e o medio rural non se deben desatender porque ao final nos inflúe en todo. Estamos nun momento bastante crítico a nivel medioambiental co tema do cambio climático e temos que facer un esforzo para que non nos afecte demasiado.

E no caso da concientización cidadá sobre o medio ambiente, ves avances ou retrocesos?
Entendo que cada vez hai unha maior concientización. Observo este percepción no meu cliente final, moi sensibilizado coa protección do medio rural. Por iso se decanta por este tipo de productos que nunca van utilizar químicos, co cal é beneficioso para a nosa saúde e o planeta.

“É moi bonito cando se fala de ‘vente a vivir ao rural’. Pero non nos facilitan nada”

Cres que as campañas son efectivas? Hai axudas suficientes para o rural?
É moi bonito cando se fala de “vente a vivir ao rural”. Pero non nos facilitan nada. Moita xente comeza emprendendo no rural pero ao final o deixa á metade do camiño porque é moi complicado. Tes que ter as infraestruturas, algo tan básico como a conexión WiFi para poder traballar dende casa. Tes que ter servizos, transporte. Despois está o tema dos terreos, onde hai un abandono importante.

Formas parte dalgunha organización do rural?
É importante sinalar que practicamente todos os agricultores do Sur da provincia de Pontevedra estamos en moita comunicación e nos axudamos todos. Temos creado a Asociación A Gavela, que conta cun sistema participativo de confianza. Nos preocupamos de como se cultiva e se trata ao solo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.