“O libro da rosa” presentouse no Pazo de Mos

Unha xoia literaria con aroma floral

Mos | Esta tarde presentouse no Pazo de Mos o “Libro da Rosa”. No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e 4 dos 10 autores do libro.

Os autores do libro son: Agustín Agra; Diego Giráldez; María Xosé Porteiro; e Miriam Couceiro.

Xa se atopa rematado e en librerías o gran proxecto editorial que ten ao emblema heráldico de Mos como protagonista: “O libro da rosa”.

Galaxia comezou a traballar no volume fai xustamente un ano, coincidindo tamén coa Festa da Rosa. Trátase do 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; logo saiu á luz “O libro da música” e agora “O libro da rosa” en colaboración co Concello de Mos.

A Festa da Rosa vívese deste xeito, este ano, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista.

Esta presentación chega no mellor momento posible: durante a xornada seguinte ao Día da Rosa e festivo local: onte 13 de xuño.

Un dos 10 autores, Xesús Fraga, vén de recibir recentemente o Premio Nacional de Literatura, o premio literario máis importante de España. Os 10 autores e autoras galegos/as contemporáneos e ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinan “O libro da rosa” son:
AGUSTÍN AGRA
VICENTE ARAGUAS
MARÍA CANOSA
FRANCISCO CASTRO (O propio director de Galaxia)
RAQUEL CASTRO
MIRIAM COUCEIRO CASTRO
XESÚS FRAGA
DIEGO GIRÁLDEZ
MARÍA XOSÉ PORTEIRO
PURA SALCEDA

Desde Galaxia definen así esta pequeña xoia con aroma floral: “as rosas, dende sempre, foron material literario, e non só para os poetas. Simples e evocadoras, viaxan a través da historia da literatura dende que alguén, pechando os ollos e aspirando o seu recendo, se sentiu impelido a escribir. Inspiración de aromas e inspiración de historias.

Con esa premisa, pedímoslles a dez autoras e autores de primeira liña da literatura galega que escribisen un relato tomando a rosa como elemento inspirador. E como hai tantas rosas coma estrelas no ceo, velaquí o resultado, dispar, diferente. Relatos uns que son espiñas e outros que son deleite estético; relatos que recenden, en todo caso, a verdade. Literatura rosa, pouca. Literatura grande, toda”.

O formato de “O libro da rosa” é un volume de 135 por 210 mm e 156 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas. As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse hoxe “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademáis o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa”.

Xoga Mos co/as Mellores
Todos os clubes e deportistas individuais mosenses con logros deportivos durante os últimos 4 anos foron homenaxeados onte, 13 de xuño e Día da Rosa, ás 20h no Multiusos das Pozas, no acto titulado Xoga Mos co/as Mellores.

Tratouse dun acto multitudinario co auditorio cheo ata a bendeira, cun total de 90 galardoados (acompañados de familia e amigos) que inclúen 4 mencións especiais: a Florentino Soliño Rodríguez, que leva máis de 50 anos na directiva do Alerta Club de Fútbol, a Alejandro de Miguel e Alberto Costas, e unha homenaxe póstuma ao gran Alejandro Gómez (para a que estivo presente a súa muller, Paula Hernández).

Entre os galardoados houbo deportistas e clubes das disciplinas máis variadas e variopintas, desde o coñecido como deporte rei, o fútbol, ata os máis exóticos como a capoaeira. E é que Mos conta con campións das disciplinas deportivas máis variadas, “Mos é terra de DEPORTE con maiúscula. De deportistas de primeiro nivel”, aseguran a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, José Areal.

“Non hai mes que non recibamos no Concello a un deportista ou clube, ou varios, para felicitalos polos seus novos logros deportivos. E non son méritos menores, xa que temos en Mos desde campións provinciais ata autonómicos, de España, de Europa e incluso do Mundo”, insiste Arévalo, rexedora local.

Por iso queda claro que Mos atópase moi ben situado no mapa deportivo, destacando no fútbol, co UD Mos Feminino en Primeira Nacional, ou con Rubén Blanco e Brais Méndez no primeiro equipo do RC Celta (Brais ademáis debutou como internacional coa Selección Española Absoluta). E en disciplinas tan variopintas e variadas como: A Capoeira. O Taekwondo. E outras disciplinas de artes marciais (Taekwondo) e deportes de contacto (Kick Boxing e Full Contact)… O Tiro con Arco. A Hípica. O Xadrez. O Ciclismo. A Natación. O Atletismo. O Alpinismo. O Tenis de Mesa. A Patinaxe. Deportes de Motor e Náuticos, O Baile, O Balonmán, O Deporte Adaptado, … A sección de deportes de motor contou cun padriño de excepción para entregar os trofeos: Cándido Carrera, copiloto de rallys ao carón de Dani Sordo.

Ademais en Mos hai campións de todas as idades, desde a categoría biberón do Club Louro Tameiga e Unión Deportiva Mos, ata a gran Celia Iglesias, nadadora do Club Natación Mos con máis de 90 anos.

Campións auténticos referentes a nivel mundial, e con pavillóns deportivos municipais mosenses bautizados co seu nome. Como son os 3 grandísimos e inigualables: Óscar Pereiro. Patricia Martínez. E Soledad Castro.

Grandes mulleres deportistas que triunfan en disciplinas nas que habitualmente destacan os homes: Susana Alonso Carballo: bicicleta de montaña. E Verónica Romero: alpinismo, expedicións polares e atletismo de alto rendemento competindo contra homes.

Toda unha amalgama que suma 90 galardóns, que foron entregados co obxectivo de poñer ao deporte mosense como verdadeiro protagonista e como broche de ouro ao Día da Rosa. O conductor do acto e mestre de ceremonias foi o presentador deportivo da TVG, Carlos Macía.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos