O lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz recibe a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense

Pola súa defensa do galego e da cultura galega

Ourense | O lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz recibiu hoxe nun solemne acto celebrado no salón de plenos da Deputación de Ourense a Medalla de Ouro da provincia, por toda unha traxectoria intelectual caracterizada polo seu compromiso coa defensa do galego e da cultura galega, “como privilexiados que somos polo grande tesouro cultural e lingüístico que nos legaron os antepasados”, afirmou o homenaxeado.

Unha medalla que distingue “a un home de fe e de circios principios morais, cunha personalidade pragmática e de enorme vitalidade”, asegurou pola súa banda Manuel Baltar, que presidiu o acto.

Alonso Estraviz dedicou a medalla aos seus país, irmáns, “ao padre Plácido de Oseira que me recibiu no mosteiro”, e agradeceu a distinción concedida por unanimidade pola Deputación no pleno do 25 de outubro de 2019. Un recoñecemento “que me enche de alegría, porque sentín sempre un grande orgullo de ter nacido nesta terra, a que quero e amo apaixonadamente”. Unha terra, subliñou “coa lingua máis bela e rica das derivadas do latín, pola que debemos loitar con paixón para que floreza, xunto coa cultura, como en tempos pasados”. Isaac Alonso afirmou sentir orgullo de ser galego “por todas as partes por onde andei”, comprobando a través do seus traballos “o asombrosamente rico que é o noso rural, por lingua, vocabulario e cultura”.

“Relevantes contributos no ámbito da lexicografía e filoloxía galego-portuguesa”
O acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Deputación contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os alcaldes e alcadesa de Trasmiras, Cualedro e Allariz, Luciano Rivero, Emilio Pazos e Cristina Cid; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; senadores, deputados provinciais de todos os grupos presentes na corporación; representantes do mundo da cultura; familiares e amigos.

A profesora e catedrática de Filoloxía Española da Universidade de Vigo, María do Carmo Henríquez, foi a encargada de ler a laudatio, destacando na súa intervención que Alonso Estraviz, como humanista e filólogo, realizou “relevantes contributos no ámbito da lexicografía e filoloxía galego-portuguesa, nun mundo no que é difícil citar outras personalidades de igual categoría e capaces de elaborar durante varias décadas unha obra tan meritoria e dun único autor”, en referencia ao Dicionario da lingua galega.

En tanto, o deputado Armando Ojea, como instrutor do expediente de honras, fixo un repaso pola traxectoria intelectual do homenaxeado, ao que se recoñece coa Medalla de Ouro da provincia por toda unha vida “marcada polo seu carácter de traballador incansable en prol da defensa, estudo e difusión do noso idioma, que o converteu nun dos maiores especialistas que deu Galicia”.

O apartado musical do acto estivo a cargo de José Luis Fernández e Xico Paradelo, que ademais do poema de Carvalho Calero Quem me quijo e da composición Filandia de Sibelius interpretaron como peche o himno da provincia, Ourense no solpor.

Autor do Dicionario da lingua galega
Nado en 1935 en Vilaseca (Trasmiras), o lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz ten publicados numerosos traballos filolóxicos e culturais, sendo unha das súas obras fundamentais Estudos Filológicos Galegoportugueses, publicado en 1987. Traduciu ao galego importantes textos litúrxicos desde o latín e obras de diversos autores, ademais de escribir destacados ensaios sobre o futuro das linguas minoritarias na Europa comunitaria. Como lexicógrafo é autor de obras sobre o léxico galego, merecendo especial consideración o Dicionario da Lingua Galega.