Vigo | O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Museo de Mar de Galicia Viquingos. Unha ollada desde Galicia, exposición con carácter internacional que permitirá ao público descubrir a pegada que deixaron na nosa cultura as incursións dos pobos nórdicos ao longo da Idade Media. A mostra, que se poderá visitar en Vigo ata o 28 de setembro, reúne 75 pezas procedentes de museos e institucións de Suecia, Galicia e Andalucía.
O titular de Cultura da Xunta enxalzou o “importante esforzo cooperativo” realizado polo Museo do Mar, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura, para achegar ao público unha mostra que inclúe fondos de 11 institucións diferentes. Este corpus expositivo proporciona, en palabras de López Campos, “un amplo retrato histórico” para comprender o impacto que tiveron no “noso territorio, na nosa cultura e nas nosas lendas” as vagas conquistadoras emprendidas polos escandinavos que chegaron ás costas galaicas entre os séculos IX e XII, período coñecido como a Idade Viquinga.
“Esta mostra é un exemplo de entendemento, de colaboración e de reciprocidade, piares fundamentais para o intercambio e mais o enriquecemento cultural”, sinalou o conselleiro durante a inauguración, na que estivo acompañado pola directora do Museo do Mar, Marta Lucio, pola directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, e pola titular do departamento de Cultura da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo. López Campos agradeceulle á súa homóloga andaluza a participación do Conxunto Arqueolóxico de Madinat al-Zahra, complexo cordobés que cedeu diferentes conxuntos de pezas para a mostra.
Calidoscopio de culturas
Grazas á contribución procedente de Andalucía, inaugurouse hoxe un proxecto expositivo que López Campos definiu como “un enriquecedor calidoscopio” ao divulgar tres culturas que se influíron entre si. Deste xeito, Viquingos. Unha ollada desde Galicia retrata a forma de vivir no noso territorio na altura en que chegaron as invasións dos pobos nórdicos e os costumes da sociedade viquinga —cunha idiosincrasia que vai moito máis alá da imaxe violenta que habita no imaxinario colectivo—, pero tamén debulla o contexto histórico da contorna peninsular, dominada naquela época polo esplendor que os califatos musulmáns viviron nos territorios da antiga Al-Ándalus.
Moedas, lámpadas e ferramentas procedentes de Andalucía actúan así de pano de fondo para os obxectos cedidos por institucións galegas como o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo da Catedral de Santiago ou a Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Os seus fondos servirán para conformar unha idea clara de como era a vida en Galicia naquela altura, ao carón de utensilios, xoias e armas procedentes do Museo de Gotland, centro sueco de referencia internacional no estudo da cultura viquinga.
O Museo do Mar de Galicia conta nesta exposición con outras pezas singulares como a recreación de gran parte dun navío viquingo realizado en pezas de cartón polo estudio galego Cenlitros a partir dos exemplares conservados no Museo de Barcos Viquingos de Roskilde (Dinamarca) ou catro pezas audiovisuais animadas con ilustracións de David Rubín, un dos autores galegos de banda deseñadas con maior proxección internacional. Nestas fitas, Rubín achéganos elementos diversos da cultura e da mitoloxía viquinga.
Cultura accesible
Viquingos. Unha ollada desde Galicia nace como unha extensión de Unha vida viquinga, exposición que o Museo Centro Gaiás acolleu no segundo semestre de 2024 e que atraeu máis de 60.000 visitas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con proxectos como a mostra que abre as súas portas no Museo de Mar, continúa a promover a circulación de exposicións que agroman no Gaiás por outros puntos da xeografía galega para facer a cultura accesible a toda a poboación. O centro vigués explora a senda aberta por Unha vida viquinga cunha proposta expositiva propia que brinda ao público unha perspectiva diferente e anovadora, que se poderá visitar ata o 28 de setembro.