O ICO abrirá unha oficina permanente na Zona Franca de Vigo

Asinado convenio de colaboración en pro da competitividade e da internacionalización

Vigo | O peso económico de Vigo e os retos das empresas da súa contorna impulsan a descentralización do ICO (Instituto de Crédito Oficial) en Galicia. A Zona Franca de Vigo e o banco público asinaron hoxe un convenio de colaboración que, entre outros puntos, recolle a apertura na sede central do Consorcio da súa primeira oficina de representación permanente na comunidade autónoma.

Unha iniciativa, enmarcada nos plans do ICO no seu despregamento territorial e de descentralización, á que seguirá a implantación de puntos de representación noutras comunidades co obxectivo de achegar a súa actividade a empresas e persoas.

O delegado especial do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o presidente do ICO, Manuel Illueca, subscribiron o convenio de colaboración, que inclúe a cesión de espazo ao banco público que terá as súas instalacións, con ámbito para toda Galicia, na sede central do Consorcio na rúa Areal. O obxectivo é convertelo nun punto de encontro e atención co tecido empresarial galego.

A oficina de representación permanente de ICO estará coordinada por Javier Lourido, asesor territorial da entidade na comunidade autónoma. Tras a firma do convenio, David Regades sinalou que “é moi elocuente que o ICO situouse en Zona Franca, punto neurálxico da economía do noroeste peninsular, achegándose ao noso territorio nun momento de retos importantes para as pemes como é a soberanía tecnolóxica e industrial que vai supoñer unha transformación crave da economía de España. O ICO ten ferramentas moi poderosas e con esta oficina en Vigo está a achegalas a Galicia”.

O delegado do Estado sinalou que esta apertura na Zona Franca, que o ICO pon ao dispor do empresariado galego, “é unha oportunidade e un valor máis para dar resposta aos retos tecnolóxicos e de crecemento da man dos plans europeos. Contribuirá a que as empresas sexan máis competitivas e a un novo escenario na axuda á internacionalización”.

Manuel Illueca destacou que “esta firma coa Zona Franca de Vigo supón un fito en toda a nosa estratexia de descentralización dos nosos servizos de financiamento empresarial e de aproximación do ICO ao territorio. Para nós ter unha zona onde podamos atender aos nosos clientes potenciais é fundamental e estar cada día máis preto das empresas. E é unha estratexia de crecemento en Galicia”.

O presidente do ICO lembrou que “fomos grandes partners da empresa galega. Fomos en momentos de crises nos que a empresa o necesitaba e agora queremos seguir séndoo. As cousas agora están moito mellor, pero hai fallos de mercado que resolver aos que o ICO vai facer fronte grazas á firma deste convenio coa Zona Franca de Vigo”. O convenio asinado hoxe tamén supoñerá unha colaboración efectiva entre ambas as institucións, coa participación do ICO nos programas e actuacións que a Zona Franca de Vigo promova en relación co ámbito económico-empresarial galego, así como a participación do CZFV nas accións que o ICO leve a cabo en Galicia.

O despregamento territorial do ICO coincide, ademais, co lanzamento da Liña ICO CRECEMENTO, primeiro programa de financiamento 100% en liña dirixido a pemes. Esta iniciativa foi desenvolta polo Instituto de Crédito Oficial no marco da Addenda á súa Estratexia 2022-2027, co obxectivo de fortalecer o seu papel como banco nacional de promoción, achegando valor engadido ao financiamento empresarial en todos os ciclos económicos e non só en situacións de crises.

No contexto de crecemento económico actual, o ICO busca cubrir coa súa actividade “fallos de mercado”, complementando ao sector privado, e que as pemes con potencial de crecemento obteñan o financiamento necesario para despregar os seus proxectos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.