“O Home que matou a Antía Morgade”, de Arantza Portabales: ante a resolución do misterio

Unha obra na que a autora irrompe con forza no xénero negro

Ourense | Como lectora sempre me atraeu a narrativa de Arantza Portabales, (San Sebastián, 1973), autora á que sigo dende os seus inicios literarios no eido do microrrelato e a novela intimista, e que agora irrompe con forza no xénero negro.

Malia que cambie de xénero narrativo, Arantza mantense fiel á súa forma de narrar, directa e precisa, como se deixa ver na nova novela que continúa a saga protagonizada polo dúo de detectives Abad e Barroso: O home que matou a Antía Morgade (Ed. Galaxia) e consolida a autora, despois dos éxitos anteriores de ‘Beleza Vermella’ e ‘A vida secreta de Úrsula Bas’.

Coma nas citadas novelas, en O home que matou a Antía Morgade, apréciase a capacidade da autora de recrear atmosferas e abordar conflitos cun estilo natural que renova a novela policial. Sen lugar a dúbidas, a súa receita funciona: capítulos curtos, alternancia de voces narrativas, linguaxe directa e sinxela, tramas nas que afonda na ambigüidade moral das personaxes e escenarios moi visuais, fan que as súas novelas teñan éxito para o público en xeral.

En O home que matou a Antía Morgade regresa o dúo policial Abad e Barroso, personaxes co gancho literario da química existente entre eles, para traballar xuntos nun novo caso. A novela, ambientada en Santiago de Compostela, comeza co reencontro dun grupo de amigos vinte anos despois de compartiren unha vivenda tutelada para menores na que aconteceron diversos feitos.

Na cea da xuntanza, que ten lugar durante a festividade do Apóstolo, no medio do espectáculo de fogos artificiais, un dos membros do grupo aparecerá asasinado. Os detectives Abad e Barroso emprenderán unha investigación que, a medida que avanza a trama e se producen novos crimes, vaise complicando, e os levará a indagar no pasado dos protagonistas na procura da clave que permita resolver o caso.

O home que matou a Antía Morgade é unha novela coral, composta por varios protagonistas principais, abordados dende o prisma do narrador omnisciente agás nun deles que a autora significa en primeira persoa. O retrato psicolóxico dos personaxes xunto coa exposición dos feitos e as sucesivas pistas deixadas ao longo do texto conducirán ao lector atento, neste laberinto de quen é quen, a atar todos os cabos soltos que converxen nun final que non podía ser outro para otorgarlle sentido a historia.

Por Manuela Vicente Fernández.