O Goberno propón á Xunta a creación en Ponteareas dun punto de encontro familiar para O Condado e A Paradanta

O único punto de encontro familiar existente para a zona está en Vigo e, en ocasións, mira excedida a súa capacidade.

encontro familiar ponteareas

Ponteareas | O Goberno local de Ponteareas presentará no vindeiro Pleno da Corporación, unha proposta para que o municipio conte cun punto de encontro familiar para as comarcas do Condado e a Paradanta. A iniciativa da Concellería de Benestar Social e Igualdade que xestiona Verónica Carrera, busca dar resposta ás persoas que precisen este servizo que, nos últimos tempos, ten incrementado a súa demanda.

Carrera explica, na súa proposta, a necesidade de contar cun equipamento “de carácter neutral” e que está especializado en regulamentar o réxime de visitas establecido pola autoridade competente “entre as familias e os menores, cando as primeiras pasan por unha situación de separación, divorcio, nulidade ou calquera outra circunstancia que interrompa a normal convivencia familiar” e sempre que “o exercicio do dereito de visitas se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo”.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, considera que “é un servizo fundamental de cara a facilitar a relación entre as e os menores e as súas familias en situación de crise.

Segundo a concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello ponteareán, un servizo destas características “favorece a relación dos e das menores coas súas familias” amais de garantir e facer cumprir o réxime de visitas.

A necesidade de contar cun punto de encontro familiar en Ponteareas, afirma Verónica Carrera, vén dada polo feito de que “o único servizo destas características existente para a zona está en Vigo e, ás veces, non conta coa capacidade suficiente para atender a demanda”.

Por todo o antedito, o Goberno local que preside Xosé Represas, propoñerá ao Pleno “instar ao Goberno galego a realizar un estudo e valorar a viabilidade de crear un punto de encontro familiar en Ponteareas para os concellos das comarcas do Condado e Paradanta”.

Para o alcalde ponteareán “non se pode esquecer que Ponteareas é a cabeceira de dúas comarcas cunha poboación que supera os 60.000 habitantes e que, polo tanto, precisan de dispoñer de servizos de proximidade, como este punto de encontro familiar, que evite longos desprazamentos e, polo tanto, incremente a súa operatividade”.

Outros artigos