“O goberno de Mondariz é un dos máis fortes e cohesionados a pesares de estar en minoría”

Xosé Emilio Barros Bello | Alcalde de Mondariz

Mondariz | Xosé Emilio Barros Bello (BNG) é o alcalde de Mondariz desde xullo de 2019, tralo acordo de goberno de coalición co PSOE. Dende entón lidera na Corporación Municipal con cinco membros dos once en total. O conflito con Mondariz Balneario pola EDAR, os proxectos de eficiencia enerxética e o plans urbanísticos foron algúns dos temas tratados neste entrevista para Foro A Peneira.

Unha vez conseguido aprobar os orzamentos por unha cuestión de confianza, atopaste co problema da EDAR. Como interpreta a negativa da Oposición neste asunto?

O calificativo é “decepcionante”. É unha necesidade obxectiva, un servizo básico e elemental no que se leva pelexando ao longo de 17 anos. Non podemos seguir desta maneira. É necesario incrementar a visibilidade dun problema,que a Corporación se mantivese unida ao lado do goberno na defensa dos intereses xerais da localidade e dos vecinos era o noso obxectivo.

Legalmente, que se pode facer dende o Goberno?
O primeiro é unha cuestión de concienciación. Si existe unha instalación que ten capacidade para cubrir as necesidades de 6.000 habitantes (os dous concellos non suman esa poboación) e se temos en conta que non todas as parroquias verterían nesa EDAR solicitar unha ampliación como pretende o gobernó de Mondariz-Balneario para permitir a depuración das augas deste Concello de Mondariz parécenos un absurdo, pero que os membros da Oposición de Mondariz (Alternativa por Mondariz e Partido Popular) non sumen forzas co Goberno para presionar dialécticamente, claro, ainda nos parece máis absurdo. É necesario mudar os pasos e a visibilidade dun problema para corrixilo, non podemos continuar igual.

Existe algún tipo de documento que confirme o uso compartido?
A EDAR é titularidade do Concello de Mondariz Balneario. Ao longo do tempo moita xente creeu que a EDAR era dos dous Concellos. Non é así. Pero o Concello de Mondariz Balneario, no seu día, conseguiu financiación dun millón de euros a condición de que prestara servizo aos dous Concellos.

“A EDAR é titularidade do Concello de Mondariz Balneario. Ao longo do tempo moita xente creeu que a EDAR era dos dous Concellos. Non é así”

Pero iso é unha interpretación libre ou hai algo que o confirme? Quen gobernaba nese momento?
Gobernaba o PP nos dous concellos. O único documento que vencella esa estación depuradora a Mondariz é un convenio de colaboración firmado e aceptado por ambas partes no que se recolle que esa depuradora dará servizo aos dous Concellos. Algo que nunca chegou a desenvolverse. Documemto asinado polos dous Alcaldes daquel entón.

Iso non se pode denunciar ante os xulgados?
Si, pero nós cremos na vía política primeiro, as vías do razonamento logo, de ser preciso, seria o xulgado. Estamos na primeira fase. Ainda que debo confesar que non temos avanzado nada neste sentido.

Négase o alcalde de Mondariz-Balneario?
Non. Simplemente propón como alternativa un aumento desa instalación, algo que a todas luces é irracional. Se a EDAR ten capacidade para 6.000 habitantes, e os dous Concellos non suman esa cifra ¡como imos solicitar financiación para unha ampliación? Non é racional. Nós confiábamos en que coa forza de toda a Corporación de Mondariz puideramos xerar unha conciencia de cambio. Ese era o motivo da solicitude de colaboración aos outros partidos da Oposición.

“Se a EDAR ten capacidade para 6.000 habitantes, e os dous Concellos non suman esa cifra ¡como imos solicitar financiación para unha ampliación? Non é racional”

Solicitude para eliminar a restrición de circulación de vehículos de gran tonelaxe pola estrada autonómica PO-254. Que alternativa teñen os camións de servizo á fábrica de Augas de Mondariz sen pasar polo centro urbán?
A alternativa que hai é que todo o tráfico se desvíe polo centro do casco urbán de Mondariz en direción a Vilasobroso á N-120. A Xunta de Galicia, a raíz da reparación que se fixo na Ponte que hai entre Mondariz a Mondariz Balneario, colocou unha sinalización na que prohíbe o paso a vehículos de máis de 20 toneladas.

Esta sinalización instálase a instancias do goberno de Mondariz Balneario que ten a pretensión de suprimir a entrada dos camións pola súa vila, que é atravesada por unha estrada autonómica. O feito de que prohíban o paso desa tonelaxe por Mondariz Balneario significa que a única alternativa existente é que todos os vehículos pasen polo casco urbán de Mondariz. Para que non pasen ese vehículos por Mondariz Balneario, castigamos o casco urbán do Concello de Mondariz. A responsabilidade é da Xunta de Galicia (Consellería de Infraestruturas) que accede a ter condicionado por unha tonelaxe o paso por unha estrada autonómica.

Parece que a solución estaría en unificar os dous Concellos, para empezar…
Iso cando os dous Concellos queiran. Pero hai outros mecanismos sen ter que chegar a esas fórmulas que poden avanzar perfectamente. Ao compartir servizos, non como a EDAR, pero compartir servizos en igualdade de condicións e conveniados, consorciados dunha maneira sensata e xusta, é unha vía marabillosa para aforrar recursos públicos e prestar servizos de calidade. Se non hai un interlocutor doutro lado que estea cando menos disposto a escoitar, é complicado.

Proxecto de eficiencia enerxética, de que estamos a falar?
No actual goberno temos como fundamento básico e prioritario: a atención aos servizos máis elementais e máis estruturais do Concello, o que chamamos comunmente como servizos de atención básicos. Un deles é o servizo de alumbrado público. Puxémonos a traballar en como podíamos mellorar ese servizo. Conseguimos chegar, aínda que foi nunha última etapa, ás axudas do Instituto da Diversificación Enerxética, IDAE, que concedía a pequenos Concellos para mellorar os subministros eléctricos.

“No actual goberno temos como fundamento básico e prioritario: a atención aos servizos máis elementais e máis estruturais do Concello, o que chamamos comunmente como servizos de atención básicos”

Levámola a pleno. Os grupos da Oposición tamén votaron en contra, plantáronse e non quixeron asistir a ese pleno no que pretendíamos aprobar liñas de subvencións. A pesares de que eses fondos xa foran reducidos nas anteriores administracións e estaban destinados a Concellos exclusivamente pequenos, agora existen moitos menos fondos e están dispostos para todo tipo de Concellos, a pesares diso tentamos sacar adiante unhas axudas para mudar todo un servizo moi precario que existe neste Concello ó redor da iluminación eléctrica. Plantexamos catro proxectos diferentes que agrupan a totalidade do Concello de Mondariz. O 100% do Concello de Mondariz englóbanse en catro lotes que significan un millón de euros de investimento e da que veñen a confirmarnos a aprobación o propio IDAE.

O Concello non ten que aportar nada?
O Concello ten que poñer o 20% e o IDAE o 80% dese investimento.

Pero o 20% é unha cantidade importante do orzamento municipal
É unha cantidade importante que o Concello mesmo poderá recuperar amortizando co aforro enerxético.

Tedes capacidade para pedir un préstamo como ese?
Estamos falando dun aforro enerxético que pode chegar ao 70% no pago da factura da luz, que pode ir destinado directamente a amortización desa inversión nun período curto, duns catro anos, que podería xa estar superada. Aínda está sen concretar esa fórmula pero estamos estudando como co-financiamos esa inversión. Creo que paga a pena explorar calquera fórmula, incluída esa.

“Estamos falando dun aforro enerxético que pode chegar ao 70% no pago da factura da luz”

Cal é a pega que lle pon Alternativa por Mondariz a iso?
No lugar de apoiar ao goberno para tentar tramitar con axilidade esas subvencións, o que fixo foi que nun pleno que convocamos extraordinario para acelerar a aprobación desas subvencións, Alternativa por Mondariz non asistiu, abandonou a sesión plenaria baixo o argumento que non era correcto que nós levarámos iso nese momento ( sempre preocupados polas cuestións das formas) E por iso negáronse a votar co goberno esas solicitudes.

Aprobouse no pleno?
Si, aprobouse.

E o PP apoiou?
O PP tampouco apoiou, tamén abandonou o pleno. Fixeron unha pinza con eles (Alterativa por Mondariz) Sempre fan unha pinza no relativo aos asuntos clave e fundamentais para Mondariz, a EDAR, a diversificación enerxética, son asuntos troncais, estruturais que non se teñan afrontado e que por primeira vez un goberno asume con rigor e prioridade.

Cal é o apoio que tedes da Deputación de Pontevedra e en qué sectores os están apoiando?
A Deputación apóianos na mesma medida en que apoia a calquera outro Concello. Estamos facendo algúns proxectos, algún deles novidoso como o da pista de pump track, que está sendo un atractivo sen precedentes na comarca.

Está funcionando?
Si, está funcionando, faltan algúns aspectos pero si está funcionando. Nese recinto, que está no colexio detrás do Concello, estamos proxectando un Centro de Ocio e Deporte Urbano en A Minada, como se chama ese lugar. Pensamos converter todo ese espazo en actividades de atracción á mocidade, enraizar poboación e que esa mocidade síntase integrada e que atope servizos e vínculos coa localidade.

Ese proxecto do Centro de Ocio Urbano tamén vai ter un segundo efecto que é relacionar o entorno do Val, da praia fluvial, o que teña que ser algún día o futuro albergue municipal na zona de A Cela e unir o espazo que vai do centro da vila coas zonas do río. É un proxecto que esta en rodaxe.

Anunciouse na prensa estes días que a Xunta vai facer un camping en terreos de Mondariz.
É unha noticia enfocada erróneamente. Nós estamos facendo unha modificación do actual Planeamento Urbanístico, un plan especial de equipamentos e dotacións para disposición de solo de uso dotacional, neste caso para uso turístico. En concreto estamos desenvolvendo o proxecto de Albergue turístico na localidade que exerza tamén un papel atractivo turístico mesmo pola carencia que existe de lugares de estancia e de infraestruturas turísticas, a diferenza de Mondariz Balneario. Acaba de superarse a fase de Avaliación Ambiental estratéxica desa modificación do planeamento e agardamos en 6-8 meses ter os terreos xa recalificados e a disposición da Administración. Por tanto, non é un camping senón un albergue e non ter que ver coa peregrinación.

Serían terreos públicos ou privados?
Serían terreos municipais, propiedade do Concello, fronte á praia do Val, ao outro lado do río Tea, onde está a Ponte de A Poeira. É un paso a pe, ao lado de Augas de Mondariz. O albergue que se pretende, para o cal estase recalificando o solo para poder construír, faise dende a perspectiva dun albergue turístico, xuvenil, e para ter un atractivo turístico na localidade. E tamén para caravanas. Aquí non temos un punto definido para estancia de caravanas, só de carga e descarga.

A Plataforma en Defensa do Tren Vigo-Ourense por Mondariz, que sabes diso?
Nada, só que hai un grupo de intelectuais, empresarios e demais, que entenden e defenden que o tren non debería ir por Cerdedo nin por Compostela senón que debería ir dunha forma directa de Vigo a Ourense e que pasaría por Mondariz. Iso, ao día de hoxe, é unha idea como pode existir outra calquera.

Haberá piscina aberta para este verán?
Non, non teremos piscina aberta pola situación COVID e polas características propias da nosa instalación. Afortunadamente temos uns espazos fluviais marabillosos e entornos que perfectamente o poden suplir.

“Non teremos piscina aberta pola situación COVID e polas características propias da nosa instalación”

As instalacións do antigo colexio de Mondariz, agora a que están dedicadas?
Temos alí a Escola de Música, temos aulas de formación e un obradoiro de emprego, así como outras actividades que se realizan nesas aulas.

Funciona a Biblioteca Xoán X. Pérez Labaca?
Si, por suposto, funciona. A pesar da COVID conseguimos mantela aberta practicamente durante todo este período, adaptando ás novas situacións sanitarias.

A poboación de Mondariz vai baixando…
Está estancada. Non chegamos aos 5.000 habitantes, estamos en 4.600 e pico nestes momentos.

Os ingresos do Concello tamén minguan…
Obviamente; se baixa a poboación baixan os ingresos aínda que teñamos que prestar os mesmos servizos con menores ingresos. . O territorio segue a ser extenso, os núcleos de poboación tamén e hai que seguir atendéndoos dentro das capacidades e recursos que temos. Considero hai un reparto inxusto dos recursos para os Concellos

Que horizonte ve o alcalde para o Concello de Mondariz no reparto dos fondos que veñen de Europa?
Hai unha incógnita importante ao respecto de como vai a ser esa distribución. Nós temos claro e agardamos poder optar a algúns deses fondos, e estamos traballando en proxectos nese sentido, independentemente de como sexa a distribución. Non nos preocupan o mecanismo senón de que eses fondos cheguen ao Concello e non a outros Concellos onde existen outro tipo de recursos e de posibilidades. Que cheguen é o importante. Somos flexibles nos mecanismos.

Entidades Locais: Queimadelos (seu pobo natal) e Vilasobroso, como se desenvolven?
Seguindo a súa propia dinámica. Agora mesmo falase máis da de Vilasobroso, porque ese ciclo que inicia agora esta Entidade xa fai moito tempo que o fixo a de Queimadelos, como foi dotar dunha biblioteca, aula de informática e outros servizos aos veciños.

En canto a Vilasobroso hai un proxecto para a Escola Unitaria, no entorno de Valiño, que se conseguiu vía Deputación. Preténdese a rehabilitación para uso veciñal e doutro tipo.

Centro de Día; están calmadas as augas?
Está funcionando con normalidade. Por parte do Concello houbo unha débeda acumulada dende o ano 2017 que durante un tempo estivo oculta. Coa chegada do novo goberno fíxose un estudo económico desa situación e xa no último orzamento aprobado destínase unha partida, arredor dos 95.000 euros, para pagos pendentes ao Consorcio Galego de Benestar. En condicións normais serian uns 50.000 euros.

“(O Centro de Día) está funcionando con normalidade”

Iso de que depende, do número de persoas que estean alí?
Vai en función do número de usuarios. É a Xunta a que estipula as prazas a través dos servizos sociais. Agora mesmo falta por asinar un novo convenio entre o Consorcio Galego e o Concello de Mondariz, que supoño se asinará en calquera momento. O positivo é que o Concello logrou regularizar unha situación que non estaba regularizada, que foi a que nos atopamos cando chegamos ao goberno.

Algo mais que engadir?
Simplemente que na metade da lexislatura, como alcalde entendo que se veñen dando pasos moi seguros e firmes en moitos aspectos e necesidades estruturais do Concello de Mondariz. Ás veces, ainda sen medios hai que marcar obxectivos para dar resposta ás necesidades estructurais e básicas da poboación. Xa comezamos a vislumbrar os resultados como da eficiencia enerxética, o albergue e outros que indican que detrás está habendo, nun período tan curto como son a penas dous anos, un traballo denso, importante e estrutural para o Concello.

“Estamos moi satisfeitos porque cremos ese é o camiño a seguir. O goberno actual de Mondariz é potente e forte”

Polo tanto, estamos moi satisfeitos porque cremos ese é o camiño a seguir. O goberno actual de Mondariz é potente e forte. Está moi cohesionado a pesares de estar en minoría.

Grazas Alcalde por atendernos. Non perda a ilusión en beneficio dos veciños e veciñas de Mondariz.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»