O GDR Condado Paradanta presenta a súa nova marca corporativa

Este 22 de marzo no Pazo Pegullal en Salceda

Salceda de Caselas | O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta presenta este venres día 22 de marzo no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas a súa nova marca corporativa.

As cores e palabras da nova marca fan un guiño á estratexia de crecemento sostible que aposta polos recursos naturais, pola riqueza da terra e pola importancia da auga que a rega e os ríos que configuran o territorio destes dez concellos. A nova marca pretende a unidade e que toda a veciñanza do territorio do GDR se sinta integrada e representada neste organismo. O territorio de actuación do GDR é o formado polos concellos de O Condado, A Paradanta e o de Salceda de Caselas.

A nova imaxe corporativa renderá homenaxe a auga que da vida e sustento, a terra fértil e produtiva e a conexión dá comunidade coa súa contorna. Un deseño a tres cores que se enlazan dun xeito harmónico ao igual que o equilibrio que a estratexia de desenvolvemento sostible do GDR quere acadar nos vindeiros anos. Tres cores que se unen para facer posible a vida, ao igual que se unen os dez Concellos para coidar e potenciar os recursos naturais e patrimoniais.

Durante o evento tamén se presentará a nova estratexia Leader 2023-2027 adiantando os eixos fundamentais nos que se traballará e os criterios de baremación para puntuar as solicitudes de proxectos.

Desde o GDR apostan pola arte como instrumento para valorizar o patrimonio, o rural e a identidade dos dez Concellos, motivo polo que o Pazo Pegullal converterase en escenario dun espectáculo de danza ao aire libre.

A Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Deputación de Pontevedra, o Clúster de Turismo, alcaldesas e alcaldes dos dez concellos e asociacións e colectivos representativos do tecido social, cultural e económico estarán presentes neste acto. O GDR aposta por dous ingredientes que simbolizan a vida e tamén a produtividade, unha meta que estes dez Concellos queren acadar nos ámbitos medio ambientais, económicos e socioculturais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.