O galeguismo democrático fronte ao extremismo españolista.

Cadernos da viaxe.

Galicia, Euskadi, Catalunya, Gales ou Escocia presentan un comportamento electoral ben diferente ao de moitos países veciños ou ao das capitais dos seus propios estados. Nestes países, até de agora (e con certas e, de seguro, moi transitorias correccións no caso catalán) o nacionalismo democrático e inclusivo ten xogado un rol fulcral para evitar o suceso das extremas dereitas. En moitos países, a extrema dereita medra apropiándose do concepto de “nación”, “patria” e “identidade” fronte a un mundo globalizado. Porén, na Galicia, Euskadi ou Escocia, a identidade nacional xa está ocupada por partidos que teñen unha visión integradora e progresista. Velaí que, cando un cidadán quere defender a súa identidade ou o seu territorio ten opcións políticas de seu (como o BNG, o PNV, Bildu, JuntsxCat, ERC, SNP escocés ou Plaid Cymru galés ) que desenvolven esa función desde unha óptica inclusiva e democrática.

A extrema dereita adoita sinalar como “inimigo” ao inmigrante ou ás minorías. No soberanismo destas nacións, o “outro” ou a “ameaza” non adoita ser o de fóra, senón o centralismo do Estado. O foco ponse na reclamación de máis autogoberno, na defensa da lingua e da cultura propias. Tamén, agás en Euskadi, dun financiamento acaído para mellorar os servizos públicos locais que garantan o benestar común dunha cidadanía á que non se lle pregunta onde naceu.

Isto despraza o discurso do odio cara un discurso de reivindicación de dereitos políticos e sociais. Por outra banda, Galicia ten e estas nacións adoitan ter unha cultura política moi ligada ao territorio e á proximidade. En Gales e Escocia cadanseu nacionalismo ten raíces moi fortes nas comunidades mineiras e industriais, o que crea unha barreira contra o populismo extremista de Nigel Farage (onte á fronte do antieuropeo UKIP e arestora á fronte do Reform UK). Na Galicia, Cataluña e Euskadi existe(aínda que no noso caso haxa quen non o acredite) unha mesta rede de asociacións culturais, veciñais, sociais e sindicais moi activa. Onde hai unha comunidade forte e organizada, é máis difícil que sexan hexemónicas as mensaxes individualistas e autoritarias.

“A afirmación da lingua de noso actúa como un elemento de integración social que define a nación pola súa cultura e non por unha ‘raza’ ou unha exclusión”

Por outra banda, a afirmación da lingua de noso actúa como un elemento de integración social que define a nación pola súa cultura e non por unha “raza” ou unha exclusión. Ser galego, catalán ou vasco adoita entenderse como “vivir e participar” nesa cultura, o que é un concepto máis aberto que o que propón a extrema dereita británica pro inglesa, francesa ou española esencialmente vencelladas ao nativismo supremacista. Fronte a este supremacismo, o galeguismo democrático (hoxendía hexemonizado polo BNG) é transversal e inclusivo: somos galeg@s @s que traballamos e vivimos na Galicia.

As políticas ambientais, de defensa do territorio e de xestión dos recursos naturais que propoñen estes soberanismos democráticos e inclusivos (dende logo arestora o BNG na Galicia) entenden que as autonomías alimentaria e enerxética son esenciais, abeirando ás comunidades locais agrarias, gandeiras, pesqueiras e marisqueiras fronte ás solucións de trazo groso do ecoloxismo globalista, entre elas os macroparques eólicos promovidos por empresas foráneas para producir enerxía que se consumirá fóra do noso País sen que tiremos beneficio ningún dos seus custos ambientais, paisaxísticos e económicos. O que tamén pecha de vez o camiño á demagoxía pseudoruralista de Vox, Reform UK ou Front Nationale.

Nos primeiros meses de 2026 ollaremos un grande progreso de Vox nas eleccións andaluzas, aragonesas e castelán-leonesas. Mais tamén ollaremos como o SNP escocés e o Plaid Cymru galés impedirán o bo suceso do Reform UK de Farage. Teñan por certo que o que vai suceder naquelas nacións británicas axustarase moito máis ao que vai pasar na Galicia nos vindeiros tempos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.