O Galeguismo de Pepe Cotarelo.

O recente falecemento de Xosé Antón García Cotarelo, figura importantísima na construción da autonomía galega, tráeme á memoria as moitas conversas que mantivemos mentres permaneceu depempeñando o cargo de Secretario Xeral Técnico e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Chegou a Compostela en 1982 e fóise en 1990. Durante este período de tempo puxo en pé a organización da administración autonómica dotándoa de alma galega. Foi un gran negociador coa administración central para acadar transferencias.

Nunca se lle recoñeceu o seu traballo de arquitecto da complexa andamiaxe organizativa da autonomia galega. A algúns parecenos unha inxustiza que temos que reparar. Por esta razón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da que formou parte, foi ao rescate dunha biografía nunca ben valorada para formar parte da memoria da institución autonómica, promovendo algúns actos como o do nomeamento de Fillo Predilecto do Concello de A Pontenova onde nacera e tiña casa aberta con fume. Tamén solicitamos para el o recoñecemento público outorgándolle a Xunta de Galicia calquera das medallas que anualmente concede.

Penso que é importante que sinale algúnhas das súas afortunadas mediacións para o robustecemento do noso patrimonio identitario:

1) A publicación monolingüe do DOG, descartando o modelo da dobre columna, en castelán e galego. Esta foi unha teima reiterada pola AFNLG para que o funcionariado se fose avezando no uso da lingua galega nos procedementos administrativos. Tres días despois o Parlamento de Galicia, seguindo tamén o pedimento da AFNLG, publicou a súa edición monolingüe do Boletín Oficial.

2) Cando o Servizo de Normalización Lingúística do Concello de Redondela lanzou a proposta de galeguización das festas populares, incluíu no catálogo de medidas a interpretación do Himno Galego no momento da consagración das misas patronais, privilexio reservado deica entón ao himno español. A execución da partitura que facían as bandas de música tiña modalidades que lle restaban marcialidade. O compositor Rogelio Groba, daquela director da Banda Municipal da Coruña, fixo a instancias de Pepe Cotarelo os arregros orquestrais pertinentes. Cando escoito en lugares tan solemnes a interpretación do noso Himno, e asi fareino sempre, lembrareime emocionado de Pepe Cotarelo.

“Cotarelo puxo en marcha os servizos lingüísticos da Xunta de Galicia que logo imitou o Parlamento de Galicia”

3) Cotarelo puxo en marcha os servizos lingüísticos da Xunta de Galicia que logo imitou o Parlamento de Galicia.

4) Creou o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia no que publicou unha colección de “Clásicos en galego”, dedicada á tradución ao galego de textos latinos. A el débeselle a tradución das Elexías de Tibulo.

O derradeiro correo electrónico que conservo del é do 11 de xaneiro. Nel dicíame : “Agora mándoche a tradución dos Epodos de Horacio. O limiar está sobrecargado de tecnicismos e mesmo de pedanterías. Prescinde dos apartados dedicados á métrica e díme a túa opinión da tradución. E, por favor, sinalame os posibles fallos no galego”. Así de humilde era Pepe Cotarelo.

A derradeira vez que falamos telefonicamente foi polo San Xosé. Deixoume saudades. Mesmo fixaramos unha data para irmos xantar a un restaurante de Barbeitos, no Concello da Fonsagrada, e pasar uns días comigo e a miña filla en San Martín de Suarna.

Deixounos escrita a súa manda testamentaria que eu lle pedira para o libro “En galego, agora e sempre”. Velaquí un parágrafo: “E porque pasei tantos anos fóra da terra que me criou, mándolles tamén aos meus herdeiros que se conserven fieis a Galicia e á súa fala, se é que pensan que esa foi a miña dignidade,e que contribúan, por amor a Deus e dos homes, nosos irmáns, a coñecer os problema da terra e querela nas súas glorias e desgrazas, sen partidismos e mirando pola xustiza e pola liberdade dos homes,e sempre afastados do dogmatismo ou dunha cruel paixón”.

Pepe Cotarelo falaba galego porque pensaba en galego. Esta é a definición máis acaída para explicar o seu amor pola lingua. Alguén haberá que algún día perpetúe a súa memoria na sede da Xunta de Galicia. Ten méritos abondos para que asi sexa.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.