Cadernos da viaxe.
Este sábado, 14-M, a plataforma Queremos Galego presentou o Protocolo Lingua Vital. Unha proposta de gobernanza lingüística dende a base que interpela directamente á calidade da nosa democracia.
Logo de décadas de políticas de falso “bilingüismo harmónico” que derivaron nunha asfixia dirixida, a sociedade civil asume a iniciativa da que a Xunta de Galiza desertou. O Protocolo Lingua Vital nace para actualizar un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) que, malia o seu consenso inicial (foi aprobado pola unanimidade do noso Parlamento en setembro de 2004) foi convertido polos sucesivos gobernos do PPdeG nun obxecto de vitrina, carente de orzamento e de vontade executiva.
O que diferencia este documento de propostas pretéritas é o seu carácter transversal e propositivo. Non estamos diante dun texto dogmático pechado sobre si mesmo, senón diante dun protocolo de actuación que recolle máis de 1.300 achegas de 57 entidades sociais, sindicais e culturais, canda o consenso doutros centos. A proba está nos propios alicerces do proceso: o consenso fundacional do PXNL e a diagnose e propostas do Consello de Europa.
A novidade reside no paso dos laios e queixas ás propostas técnicas. Asúmese a calidade como eixo, pondo, por primeira vez, o foco non só na cantidade de falantes, senón na calidade da lingua e na súa operatividade plena nos novos espazos de interacción. Trátase o galego como un dereito de cidadanía, esixindo súa presenza predeterminada e por defecto nos servizos públicos e na atención administrativa, superando a barreira da oferta positiva para entrar na dispoñibilidade garantida. Cómpre salientarmos tamén a aposta por profundar na lusofonía e na proxección exterior sitúa ao galego como unha ferramenta de competitividade económica e cultural nun mundo globalizado.
“O Protocolo Lingua Vital é socialmente proactivo, fuxindo do dogmatismo ao recoñecer que a lingua é un organismo vivo que precisa de espazos de confort e utilidade”
O Protocolo Lingua Vital é socialmente proactivo, fuxindo do dogmatismo ao recoñecer que a lingua é un organismo vivo que precisa de espazos de confort e utilidade. Velaí que as medidas no ámbito da economía e as novas tecnoloxías sexan fundamentais. Non se trata de impor, senón de revertermos a emerxencia lingüística a medio da creación dun ecosistema onde vivir en galego non sexa un acto de heroísmo diario, senón a opción natural e máis eficiente.
No ensino, a proposta é clara: a derrogación do decreto do plurilingüismo e o retorno ao galego como lingua vehicular. Esta non é unha postura ideolóxica, senón unha necesidade pedagóxica avalada polos datos sociolingüísticos actuais , que amosan niveis de descoñecemento inéditos entre a mocidade. A alternativa vai moito máis aló da superación do modelo actual ao se definir en clave propositiva, ofrecendo un calendario de aplicación e medidas de apoio.
Outro dos caracteres transversais do Protocolo Lingua Vital é a implantación de metodoloxías de avaliación periódica da implementación das súas medidas. Neste eido- e tamén no seu carácter participativo- amosa nidias semellanzas co documento Un País coa súa lingua, presentado polo Consello da Cultura Galega a fins de 2025. Coétaneamente outra entidade xurdida da sociedade civil, a Irmandade Xurídica Galega desenvolveu fronte ás Administracións estatal e autonómica a reivindicación da fulcral introdución da nova aplicación Atenea, como ferramenta necesaria para reverter a lentísima normalización lingüística no eido da xustiza e sentou con representantes dos distintos corpos policiais para rachar co desleixo na praxe cotián destes a respecto dos nosos dereitos lingüísticos, malia ser maioritario o galego no seu uso informal entre o funcionariado de seguranza pública.
Xa que logo, a sociedade civil organizada debulla unha folla de ruta medíbel e eficaz, mentres os orzamentos da Xunta para 2026 seguen a relegar o fomento do galego a partidas testemuñais (un 0,09% do total) e nada se coñece do suposto Plan de normalización lingüística prometido no outono de 2024 polo conselleiro de Lingua, que seica ía ser presentado á sociedade galega no 2025 que rematou hai máis de cen días.
A lingua é vital para a existencia da Galicia como suxeito político e cultural na Europa á que pertencemos por dereito propio.Vivirmos en galego é un dereito, malia que sen garantía efectiva polas institucións ás que lles cumpriría facelo. Seica o Goberno galego non quere exercer as súas responsabilidades, mais a nación xa está a facelo.





