O galego e a Lusofonía.

O galego como idioma é un activo con capacidade suficiente para expresar a dimensión exterior de Galicia. E nesa dimensión exterior, o mundo lusófono ábrese, a priori, como o seu complemento natural, cando menos máis inmediato. E faino a simple vista. Aí está a proximidade xeográfica de Galicia con Portugal e unha realidade ‘raiana’, tamén vinculada á identidade miñota/minhota, que pervive tanto no imaxinario popular como nas relacións transfronteirizas, sexan estas de carácter económico, social, político e cultural.

Pero a lusofonía non se limita, obviamente, a Portugal. Hai un mundo lusófono dende Asia ata África e América. Rachando eses estereotipos aínda existentes en ámbalas dúas beiras do Miño, visións claramente mediatizadas polo centralismo político e territorial ibérico instalado entre Madrid e Lisboa, son moitos e moitas os que loitan diariamente, especialmente dentro da sociedade civil, por afirmar ese patrimonio común lingüístico, histórico e cultural galaico-lusofóno. Na edición de febreiro de Novas do Eixo Atlántico, o comunicador brasileiro Christian Sales afirmaba esa íntima relación entre o galego e o portugués expresado dentro dun espazo lingüístico común así por el definido: “Galaicofonia, o que falamos é galego”.

Os actores institucionais galegos coñecen perfectamente que a lusofonía é ese espazo xeopolítico no que ten cabida a dimensión non só da cultura galega senón tamén proxectos e iniciativas en diversos ámbitos institucionais, empresariais, académicos, de cooperación. Existe unha eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Se ben a través do Estado español, Galicia é membro asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e tamén ten presenza noutros organismos lusófonos como os Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP) Porque un galego pode perfectamente comunicarse cun brasileiro, caboverdiano, angolano, mozambicano ou timorense sen intermediarios. Son feitos, non expectativas.

“Asume a clase política e a sociedade galega que esa expresión galaico-lusófona é determinante para a nosa presenza no mundo?”

Agora ben, asume a clase política e a sociedade galega que esa expresión galaico-lusófona é determinante para a nosa presenza no mundo? A resposta non é uniforme e corre o risco de diluírse na estela dos matices. Dificulta isto a concreción dunha estratexia definida para inserir a Galicia nese mundo lusófono que tantas oportunidades abre? Tampouco está clara a resposta. Ou pode que si, porque esa estratexia, cando menos a nivel político e institucional, non está tan claramente definida.

E non falamos, exactamente, de aspectos estritamente soberanistas que poderían, en todo caso, facilitar esa dimensión exterior para Galicia. Quebec non é un Estado independente pero ten un peso institucional específico dentro da francofonía. A ninguén dentro do mundo francófono se lle ocorre deixar fóra a Quebec, incluso un Estado tan centralista como o francés. Entón, por que Galicia non pode ter esa mesma dimensión noutros ámbitos, como é o caso da lusofonía?

Francisco Fernández del Riego, homenaxeado co Día das Letras Galegas 2023, instaba a “non renderse nunca”. Defensor de Galicia, da súa lingua e cultura, esas palabras conectan igualmente coa vocación internacionalista que sempre estivo presente dentro do galeguismo na loita que durante décadas levaron a cabo por colocar a Galicia no mundo. Porque Galicia e o idioma galego, como moitos pobos, teñen dereito a exercer a súa expresión global. E nesa empresa, a lusofonía se presenta como ese aliado natural e estratéxico para Galicia. Agora ben, e como sociedade, estamos preparados para asumir ese reto?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.