Cadernos da viaxe.
A caducidade do expediente de Altri en Palas de Rei e o vindeiro- xa anunciado pola Xunta- rexeitamento da autorización ambiental integrada (AAI) non son simples accidentes administrativos, senón a crónica dunha morte anunciada. O proxecto “Gama”, acabou morrendo por mor dunha tripla carencia: musculatura financeira, solvencia técnica e, sobre todo, lexitimidade social. Estamos diante do colapso dunha forma de entender a política industrial que, moi probabelmente para beneficio dunha curta elite, sacrifica sen condicións o territorio e maila capacidade deste país para xerar valor engadido a medio dun desenvolvemento endóxeno.
Desde unha perspectiva xurídico-administrativa, a declaración de caducidade pola Xunta é o recoñecemento dunha imposibilidade de feito. E, máis claro aínda na constatación desta imposibilidade, será o inminente rexeitamento da AAI pola Consellaría de Medio Ambiente. Sen a garantía de acceso á rede de transporte eléctrica e sen o osíxeno dos fondos Next Generation, o proxecto era inviábel. Altri e mailo PP na Xunta quixeron vender a sofisticada factoría de fibras téxtiles que se nos debuxou no 2022, cando dende marzo de 2024 ficou abondo claro que o proxecto era en realidade unha macrocelulosa de impacto hidrolóxico masivo que chocou frontalmente coa conciencia dunha comarca, a Ulloa e dun país enteiro, Galicia, que rexeitou ser terra de sacrifício. Que rexeitou ser o vertedoiro de Europa.
“A presión social (…) dobrou o brazo de Rueda e do PPdeG”
A presión social -ese clamor que uniu mariscadores de Arousa e gandeiros da Ulloa canda centos de milleiros de persoas- dobrou o brazo de Rueda e do PPdeG, que estaban a enfrontar un desgaste que ameazaba con erosionar as bases rurais do PP galego. A mobilización social alicerzouse en tres compoñentes de éxito: unha grandísima capilaridade que representaba a maioría social nas bisbarras da Ulloa, da Ulla e colindantes, unha alianza transversal entre o mundo da produción e da empresa da Arousa á Ulloa, o ambientalismo, e os gobernos locais de concellos gobernados polo BNG, PSdeG e independentes e unha organización plural que, porén, tiña moi claro onde estaban as forzas políticas e sociais nas que podía confiar e onde estaba o Goberno galego e a dirección galega do PP.
No ámbito político é evidente que Ana Pontón e a dirección do BNG, canda o conxunto do ecosistema soberanista souberon ler a xeito o divorcio entre a maioría social deste país e o modelo industrial de “proxectos de enclave” de onde se extraen recursos (auga, terra, madeira) para exportar valor engadido fóra, precisamente por se alicerzar a súa proposta económica no desenvolvemento sostíbel e autocentrado. Souberon tamén tirar ao PSdeG da súa posición inicial na terra de ninguén, probabelmente xerada polas xestións iniciais de coñecidos lobbistas. En calquera caso emerxe a consideración de que o BNG foi a forza que mellor soubo interpretar, non só a reacción social, senón mesmo a partillada esixencia dunha outra política industrial que sexa quen de garantir o procesamento integral da cadea de valor no país nun contexto de respecto escrupuloso polos nosos ecosistemas.
Agora ben, precisamente esta sintonía na oposición a Altri esixe arestora de Ana Pontón e do BNG emitir unha mensaxe inequívoca a prol da implementación en positivo desa outra política industrial. A grande produción primaria de leite e madeira esixen dunha transformación que hoxe non existe e que vai requirir política, ideas e recursos financeiros.
Fronte esta vantaxe do BNG (que, porén, leva inserida un imperativo para deseñar política industrial en positivo) Rueda fica nunha posición nada confortábel. Porque descarrilou o seu grande proxecto tractor, proxectando a idea de que o PPdeG non é quen de atraer grandes investimentos que non sexan extractivos, entregando o país a multinacionais que foxen en canto non hai subvencións. Cando a lección desta xeira é que, na Galicia de hoxendía, non pode haber un grande proxecto industrial viábel que non pase pola peneira da aceptación social. O resto é literatura de DOG e fume de despachos.





