O Foro de A Toxa máis xeopolítico

As guerras de Gaza e Ucraína dominaron o debate

Aldea Global | Mentres as rúas galegas e españolas observaban numerosas manifestacións por Palestina e contra o xenocidio de Gaza, a edición 2025 do VII Foro de A Toxa-Vínculo Atlántico, celebrado entre o 2 e 4 de outubro, xa indicaba claramente cales eran os seus obxectivos trazados no seu título “Explorando unha Nova Orde Mundial”.

O Foro reuniu a un ex primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, quen durante o seu mandato entre 2006 e 2009 iniciou os primeiros combates directos contra Hamás en Gaza; o activista palestino Samer Sinijlawi; e un campión mundial de xadrez, o acerbaixano Gary Kaspárov, actualmente de nacionalidade croata e acérrimo opositor ao presidente ruso Vladimir Putin ata tal punto que chegou a presentar a súa candidatura presidencial en 2007.

Olmert e Sinijlawi avogaron pola “solución dos dous Estados”, unha fórmula que Netanyahu rexeita de pleno cando afirma que “non existirá Estado palestino”. Ao calor do clima militarista que vive actualmente Europa contra Rusia, Kaspárov, presidente da Renew Democracy Initiative, advertiu que “Europa se xoga o seu futuro en Ucraína” e que “non se pode negociar cun cancro como Putin”. Velaí os “mantras” da “Nova Orde Mundial” explicados no Foro de A Toxa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.