O Festival de Cans prepara a súa memoria histórica

Presentará esta iniciativa nun Congreso en Escocia en setembro

O Porriño | O Festival de Cans traballa ao longo deste semana nun proceso de recollida da memoria oral do propio certame, á vez que avanza na preparación dun amplo arquivo dixital arredor dos seus case vinte e tres anos de historia.

Este proceso, que comezou a principios de 2024, está coordinado pola etnógrafa e investigadora madrileña Rosana Vivar, tamén profesora na universidade americana University of Saint Louis, desde o seu campus de Madrid. A profesora Vivar, que é tamén directora do programa de Comunicación desta universidade, xa visitou a aldea de Cans en varias ocasións no último ano, rexistrando numerosas testemuñas, e incluso facendo un traballo de campo con catro alumnos desta universidade nos propios días do festival, recollendo máis de 200 enquisas entre o público.

A idea naceu da necesidade de preservar a enorme cantidade de programación, accións, actividades, material impreso ou coloquios no certame ao longo da súa historia, así como recompilar e dixitalizar o numeroso material de vídeo, fotografía ou hemeroteca que o festival produciu ao longo de máis de dúas décadas.

Ao mesmo tempo, o proxecto busca unha liña pioneira no ámbito rural como é conectar o arquivo histórico do festival co arquivo patrimonial e oral da aldea e analizar as conexións que se producen, como é o caso do proxecto de documental colectivo Cans 303. Unha das alumnas formadadas neste proxecto, Fefi Senlle, é a encargada de facer a gravación e edición do proceso destes días.

No traballo de recollida de testemuñas, a profesora Rosana Vivar entrevistou a personas coñecedoras da evolución do certame como o actor Eduardo Rodríguez “Tatán”, ou o escritor Diego Giráldez, recente premio Blanco Amor de novela, e impulsor do Canzine, o xornal oficial do certame, que desde hai quince anos se imprime en papel para entregar ao público. Ademáis destas aportacións, tamén se rexistraron a varias veciñas e veciños vinculados ao evento, prestando jalpóns, formando parte dos xurados dos veciños ou coordinando ás nenas e nenos guías do certame.

O proxecto sobre o Festival de Cans chegará a Edimburgo
Na primeira semana de setembro, un avance deste traballo de investigación e arquivo será presentado pola investigadora Rosana Vivar en Edimburgo (Escocia), no congreso MeCCSA 2026 Conference: Identity and Belonging. Esta ponencia xirará arredor arredor do relato da Identidade e da Pertenza, un dos piares que sustentan Festival de Cans.

Tamén no segundo semestre deste ano verá a luz un traballo escrito no volume Routledge, Handook of Immersive Arts & Media. Esta publicación é un manual académico de referencia internacional, arredor de investigacións teóricas nas áreas de Artes e Humanidades.

Ademáis dunha axenda intensa de gravacións, a profesora Rosana Vivar e membros do Festival de Cans manterán varias reunións buscando alianzas con institucións e empresas interesadas neste proxecto.
Esta semana reuniranse en Santiago con membros do Máster de Patrimonio e Cultura Dixital da Universidade de Santiago de Compostela ou coa empresa local de desenvolvimento dixital Quadralia, colaboradora habitual do festival.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.