O Festival de Cans inicia a súa internacionalización

Presentou en Bruxelas as curtas gañadoras da edición 2025

O Porriño | O Festival de Cans comezará este mércores en Bruxelas un percorrido internacional que o levará por varias grandes cidades europeas. Como ven sendo habitual nos últimos anos, o Festival promove unha visibilidade internacional para os novos cineastas galardonados no festival, ao mesmo tempo que busca a proxección do certame, que este ano ven de ser recoñecido pola Academia do Cine Español como un dos eventos cinematográficos puntuables para os Premios Goya.

No céntrico Cinéma Aventure de Bruxelas comezará un periplo que continuará este mes o 31 de outubro en Lisboa, no Centro Xuventude de Galiza. O ciclo seguirá ao longo do outono en París, na Université Sorbonne- Paris 8, lugar polo que o festival ten pasado nos últimos anos e en Madrid no campus que nesta cidade ten a University of Saint Louis, coa que o Festival de Cans ten un acordo arredor da investigación do arquivo do certame e da propia aldea.

Nesta primeira sesión e Bruxelas, organizada pola Asociación Couto Mixto, proxectaranse as obras “Curmán” do cineasta vigués Alejandro Jato, Premio do Xurado, Premio AISGE para a actriz Melania Cruz, Premio Mellor Fotografía RC Service para Alicia Francés e Premio dos Veciños; “Monstera” de Diego R. Aballe, Premio do Público e “Cadáver de Dragón” de José Garnelo, Premio á Mellor Curta de Animación e Premio ao Mellor Guión.

A sesión completarase co documental “Agroglamour 22”, do cineasta Javier Sobrado, arredor do espírito festivo e cinéfilo que toma esta aldea de O Porriño ao longo dos cinco días de festival.
As curtametraxes serán presentadas polo director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que se desprazará ata Bruxelas para conversar co público presente sobre a singularidade do festival e a proxección dos novos cineastas galegos.

Proxectando aos cineastas galegos en Portugal
Nos dous últimos anos, o Festival de Cans ven traballando tamén na idea de achegar as obras gañadoras do festival e as novas e novos creadores, a diversas localidades do Norte de Portugal. Desde hai varios anos mantén un acordo co Cine Clube Locus Cinemae de Caminha, o pasado ano incorporou a ese proxecto ao Cine Teatro João Verde de Monção e ao Centro Cultural de Paredes de Coura. Este outono un novo espazo sumarase a este circuito que vai aumentando cada ano, nesta ocasión co Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima.

Todos estes espazos forman parte da Rede de Teatros e Cineteatros Portugueses (RTCP), dependente do Ministerio de Cultura de Portugal, a través do que o Festival de Cans trata de ampliar e asentar un circuito estable de proxeccións.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.