O Festival de Cans consolídase como referencia cultural no rural

Dez anos seguidos no ranking cultural a nivel estatal

O Porriño | O Festival de Cans, cuxa XXIII edición terá lugar nesta aldea do 19 ao 23 de maio, ven de ser elixido como a iniciativa cultural máis destacada de España en zonas rurais, e un dos dous certames audiovisuais de referencia, segundo o ranking do ano 2025 elaborado pola Fundación Contemporánea. Deste xeito, o Festival de Cans cumpre o fito de manterse dez anos consecutivos, desde 2016, entre o máis destacado deste prestixioso ranking, considerado o gran termómetro do pulso cultural en España.

Os resultados da consulta anual realizada cada ano entre máis de 400 expertos culturais, ubican ao Festival de Cans entre os doce primeiros referentes culturais de Galicia. No contexto desta clasificación, aínda ten máis mérito a posición de Cans ao ter por diante grandes macroproxectos culturais con enormes recursos de financiación pública como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Cidade de Cultura ou festival Son do Camiño e outros con grandes recursos privados como a Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), todos eles en grandes cidades galegas como Santiago ou A Coruña.

Ao mesmo tempo, o Festival de Cans foi seleccionado como unha das tres únicas insignias culturais de referencia na provincia de Pontevedra, xunto coa Bienal de Pontevedra e o Festival Sin Sal. Tamén aparece destacado como un dos grandes referentes culturais do Estado en eventos celebrados en contornas rurais, nun selecto grupo de só 50 certames e institucións, onde non se mide a posición no ranking senón a proxección do festival.

No relativo a certames cinematográficos, Cans foi elixido como un dos dous certames de referencia en Galicia, só por detrás de Cineuropa, organizado polo Concello de Santiago de Compostela. No contexto do Estado, esta clasificación está encabezado en España por macroentidades como o Museo Reina Sofía, o Museo do Prado, o Festival de San Sebastián ou o Museo Thyssen- Bornemisza.

Os resultados da consulta anual realizada pola citada fundación e impulsada pola Fundación Contemporánea, serven cada ano como instrumento para tomarlle o pulso ao sector e analizar, mediante opinións expertas, a actividade e tendencias culturais das diferentes comunidades autónomas e os acontecementos, institucións e eventos máis destacados do ano.

Os profesionais que elixiron aos referentes culturais de 2025, salientaron de xeito case unánime a necesidade de que as entidades e festivais teñan un impacto social da cultura, máis alá dos parámetros do impacto económico que promoven determinados tipo de macrofestivais,. Esta idea vai na liña do que promove o Festival de Cans, que defende ante as institucións un cambio de modelo, cunha discriminación positiva para eventos en contextos rurais, que promovan a dimensión artística, social e comunitaria por enriba da exclusivamente económica.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.