Xunqueira de Espadanedo | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o miradoiro no que se ubica a escultura ‘O Faladoiro de Frei Martín’. Esta obra do artista ourensán Acisclo Novo está situada nun balcón natural que da ao mosteiro cisterciense de Santa María de Xunqueira de Espadanedo. Trátase dun dos proxectos beneficiados polas axudas a concellos de ata 10.000 habitantes da Axencia de Turismo de Galicia en 2025.
No caso de Xunqueira de Espadanedo, a achega para o establecemento do Faladoiro ascendeu a 30.000€. En total, 67 concellos recibiron axudas de distinto valor para realizar actuacións de mellora das infraestruturas turísticas na convocatoria deste ano, dotada cun total de 2M€.
‘O Faladoiro de Frei Martín`’ busca ser unha homenaxe ao primeiro abade coñecido de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, frei Martín. A escultura defínese como un parladoiro, inspirado nos tradicionais asentos de pedra das ventás nas casas galegas, que permite unha vista privilexiada ao mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, e quere ser punto de encontro onde compartir cultura e historia.
Patrimonio cultural
O director de Turismo de Galicia gabou a proposta turística “pola posta en valor que fai tanto do turismo patrimonial e cultural como do natural, ao situarse nunha contorna privilexiada pero, ademais, entroncar con toda a historia dun edificio senlleiro como é o mosteiro”.
Xosé Merelles repasou tamén a relevancia da aposta pola sostibilidade precisamente no destino Ribeira Sacra que se está a facer desde a Xunta, cunha liña con fondos europeos de máis de 4M€ destinada a reforzar este aspecto. En concreto, valorou o aporte do Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra, dotado en 2M€, e o Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais, con outros 2M€, que busca o compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua.
Ribeira Sacra eríxese como o segundo destino que máis medrou en demanda turística en 2024, cun incremento de case un 14% con respecto ao ano anterior. Durante o primeiro semestre deste ano, a zona foi visitada por 69.325 persoas, que fixeron 117.612 pernoctacións.