Coñecín hai moitas décadas a Alfonso Santalices, o célebre boticario de Bande, demócrata, galeguista e humanista. Era unha institución dentro e fóra da comarca da Limia. Na nosa lingua relacionábase coa xente do común e tamén cos seus amigos antifranquistas cos que mantiña unha estreita relación solidaria. Era frecuente ver a súa sinatura nos manifestos e declaracións de distinto tipo a prol de Galicia e das liberdades democráticas. Coa súa sinatura avalaba a loita dos labregos de Castrelo de Miño contra as inxustas expropiacións para a construción do encoro, ou solidarizándose con Alfonso Álvarez Gándara que fora multado polas autoridades gobernativas por escribir un artigo na revista “Signo” titulado “La Iglesia no habla el mismo idioma del pueblo”.
Cada vez que Luís Soto viña de vacacións a Vilanova dos Infantes convidabame a ir con el a Bande para irmos visitar ao seu amigo, o boticario de Bande. Recibíanos na rebotica onde botabamos unha demorada parola. El interesándose por moitos que marcharan ao exilio mexicano, e Luís agasallándoo sempre co último número da revista Vieiros ou cun debuxo de deseño tradicional realizado polos indíxenas sobre un papel feito da codía dun jonote, unha árbore autóctona do país azteca. Alfonso era un home afable, retranqueiro e gasalleiro. De espírito socrático cultivaba unha exquisita tolerancia cos contertulios, sen renunciar ás súas profundas conviccións de fondas raiceiras. Chamábame a atención o seu falar inzado de léxico vizoso e de fraseoloxía tan propia do galego falado polas terras da fronteira, que hoxe desgrazamente vaise perdendo.
Coñecía todo o repertorio musical do seu irmán Faustino, interpretado coa súa inseparable zanfona, a quen profesaba admiración fraternal, pero tamén pola importancia que tivera o seu traballo de rescate de coplas populares. Gustaba cantar o “Alalá das Mariñas”, case co mesm timbre de voz do seu irmán.
O seu fillo, Miguel A. Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, a primeira institución do país, foi receptivo á proposta que lle fixo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística de galeguizar o panteón familiar no cemiterio municipal de Bande, secundando a campaña “En galego, agora e sempre”. Para tal fin elixíu uns versos dun poema que Celso E.Ferreiro lle dedicara ao seu pai titulado “Homenaxe a Bande” ( “Para Alfonso Santalices, meu vello amigo”). “Alá arriba está Bande/coma unha estampa antiga/debuxada no aire./Adeus,voume marchando/anque pareza ir ledo,/por dentro vou chorando./ Quen poidera mirarte/dende o cume do outeiro/Santa Comba de Bande”.
O Presidente da Deputación de Ourense, que tamén amosou interese pola celebración do “Día da Restauración da Memoria Lingüística”, convoca a todos os alcaldes da provincia para que acudan a asinar unha Declaración de compromiso coa galeguización dos cemiterios, verdadeiros espazos da memoria colectiva. Participarán tamén a médica forense dona Tamara Méndez que anunciará a galeguización das actividades do IMELGA. Contaremos con algunhas empresas funerarias disposta a alentar o uso do galego en esquelas e lápidas. O acto terá unha compoñente ecuménica que llela darán o Arcipreste da Baixa Limia, don Roberto Álvarez, e o médico endocrino don Xesús Manuel Suárez Garcia secretario xeral da Alianza Evanxélica Española.
“A iniciativa ‘En galego,agora e sempre’, quere levar aos galegos e galegas a mensaxe de preservar a memoria dos defuntos no idioma no que sempre falaron, soñaron, riron,cantaron”
A iniciativa “En galego,agora e sempre”, quere levar aos galegos e galegas a mensaxe de preservar a memoria dos defuntos no idioma no que sempre falaron, soñaron, riron,cantaron…con lápidas en galego, sendo así máis recoñecibles e próximos. Ramón Cabanillas expresou este sentemento de galeguidade asi: “En galego,/preto e lonxe,/ onte, agora/ mañá…na vida e na morte/doente ou san/vivo ou morto/galego…só galego!”.
Agora queda que o exemplo do Presidente do Parlamento sexa secundado polo resto dos dignatarios institucionais, e por suposto, por todos os galegos e galegas que profesan galeguidade.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.





