O erro de Rueda e do PPdeG.

O presidente Rueda rexeitou, no nome do Goberno galego e do PPdeG que dirixe, a aprobación da reforma do Regulamento do Congreso estatal para recoñecer na devandita Cámara a oficialidade da nosa lingua propia.

Deste xeito, os ‘populares’ galegos e o Goberno que exercen, amosan a súa oposición ao simbolismo do empoderamento dunha lingua constitucionalmente minorizada e, como ven de escribir o profesor Carlos Aymerich (UDC), á “…conquista dun novo espazo para o galego despois de moitos anos de retrocesos legais”.

Que o galego –presente nas nosas rúas, escolas e Universidades e normalizado nos nosos concellos, Administración autonómica e Parlamento– sexa normal tamén no Congreso conecta cunha ampla maioría da sociedade galega que apreza a nosa lingua e quere para ela novos espazos e máis uso, mesmo tratándose de persoas que, polas razóns que for, tenden máis a usar o castelán na súa vida cotiá.  E conecta Alfonso Rueda coa malfadada foto do 3 de febreiro de 2009, na que amosou o seu apoio ao extremismo supremacista de Galicia Bilingüe (precedente da actual Hablamos Español), convocante dunha demostración alicerzada na mentira da suposta imposición do galego no ensino polo Goberno de coalición BNG-PSdeG que rexía na altura.

“Rueda e máis o PPdeG están a se afastar da centralidade e da transversalidade”

Velaí como Rueda e máis o PPdeG están a se afastar da centralidade e da transversalidade. Da capacidade de conexión coa maioría social que sexa quen de se converter nese 44, 46 ou 48 por cento dos votos que, dependendo da súa distribución global, poidan darlles esa maioría absoluta que requiren para gobernar logo das eleccións nacionais galegas de 2024.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.