O Dicionario da RAG incorpora preto de 400 novos cambios

A nova aplicación xa pode descargarse en versión para dispositivos Android e iOS

A Coruña | O Dicionario da Real Academia Galega rematou o ano 2022 con case 35 millóns de consultas e a incorporación de preto de 400 cambios entre novas entradas, novas acepcións en lemas xa rexistrados e modificacións de redacción das definicións. O repertorio dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.

As últimas incorporacións ao Dicionario son froito do traballo de revisión constante desta ferramenta fundamental da lingua galega que realizan os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Parte delas responde ademais ao diálogo que se establece cos usuarios e usuarias, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar”.

Entre elas figuran neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores; cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada; deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores; ou aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.

A crecente preocupación polo cambio climático está tamén coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro. Outras palabras designan produtos de uso cotián na cociña como alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou de crecente popularidade, como a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.

Hai tamén actualizacións que completan familias léxicas e que, malia seguiren as regras de formación de palabras propias do galego por sufixación, son motivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios do Dicionario. Son así xa lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.

Outro grupo de palabras que entran no Dicionario está formado por estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e tampouco faltan voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, no caso do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, dous termos máis que se suman a outras incorporacións derivadas da revisión que propiciou a erupción do volcán de La Palma no ano 2021.

Novas acepcións: de “crocante” a “transportador”
Outra novidades refírense a novas acepcións que se engaden a lemas que figuraban no Dicionario. É o caso de crocante que, ademais do significado xa rexistrado de caramelo ou xeado con cachiños de améndoa, incorpora o de alimento que fai ruído ao mordelo e mastigalo; de compoñedor, -a, que lle suma ao de curandeiro, -a o de persoa que pon de acordo dúas o máis partes que están enfrontadas por algún desacordo; e o de transportador, cunha nova referida ao receptáculo utilizado para o transporte de animais domésticos pequenos.

Pasamento do académico correspondente Domingo Frades Gaspar
A Real Academia Galega lamenta o pasamento de Domingo Frades Gaspar (San Martiño de Trebello, 18 de outubro de 1936 – Badaxoz, 10 de xaneiro de 2023), membro correspondente da institución dende o ano 2004 e destacado valedor do galego de Estremadura.

Falante da variedade mañega dende o berce, realizou un importante labor de recompilación de vocabulario, toponimia, costumes e cantigas populares, á vez que promoveu o coñecemento da existencia das falas dos concellos cacereños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. Colaborou ademais na constitución de diversas asociacións culturais, entre elas a Asociación Fala i Cultura do Val do Río Ellas, da que foi o primeiro presidente.

Axente de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura de profesión, compaxinou este labor coa escrita de diversas obras sobre a cultura e a lingua da serra de Gata, entre elas as monografías Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical en nosa fala (1992 e 2000) e Callejeiru Mañegu e a tradución de Novu Testamentu en Fala (2015). Organizou tamén, entre outros encontros, o Congresu da Fala en Valverde e o Seminario Internacional de Linguas Minoritarias da UE celebrado na mesma localidade.

Domingo Frades Gaspar tamén cultivou a poesía. Só uns días antes do seu pasamento chegara ás súas mans a súa Obra Poética Mañega, a recompilación dos poemas que foi creando e publicando entre 1971 e 2004. O volume será presentado postumamente o vindeiro 20 de xaneiro en Badaxoz e os días 21 e 22 en San Martiño de Trebello e Valverde.

Representante do galego estremeiro
O académico correspondente deu lectura ao discurso Por que estó contentu de falar?, xunto aos tamén académicos correspondentes Carlos Xesús Varela Aenlle, Héctor Silveiro e Felipe Lubián, nun acto celebrado na sede da Real Academia Galega o 18 de decembro de 2004 dedicado ao galego estremeiro. A súa intervención e a dos outros tres membros correspondentes, así como a resposta que lles deu o académico de número Francisco Fernández Rei en nome da institución, poden lerse na publicación A herdanza da lingua. O galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres. Domingo Frades Gaspar representaba na RAG o galego de Cáceres, unha ponla do galego medieval da que agromou un grupo dialectal formado polo valverdeiro, o largarteiro e o mañego.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.