O Día das Letras Galegas e a diglosia.

A literatura galega deixou de ser o único medio para galeguizar a sociedade. Por iso son partidario de que Día das Letras Galegas sexa reformulado e nel se engloben as reivindicación doutras actividades que teñen máis transcendencia para acadarmos maiores adhesións para o proceso regaleguizador que lle cómpre ao país.

A crise editorial que vive Galicia ten moito que ver co descenso alarmante do número de lectores. Os exemplares dos títulos editados anualmente sobarda con moito a demanda do mercados. O discurso dos editores feito a medida para xustificaren a importancia das súas empresas para a cultura galega só se entenden desde a obtención de beneficios a conta das subvencións institucionais.

Chega o mes das Letras Galegas e vólvense repetir as liturxias programadas para as exaltacións da obra e autor homenaxeado. Os máis deles, excluídas as celebridades da nosa tradición literaria, pasan desapercibidos para a inmensa maioría dos galegos.

“O Día das Letras Galega ofrece un formato cultural decimonónico, propio daqueles Xogos Florais para gloria duns poucos, elitista, superado polo paso do tempo e os cambios sociais”

O Día das Letras Galega ofrece un formato cultural decimonónico, propio daqueles Xogos Florais para gloria duns poucos, elitista, superado polo paso do tempo e os cambios sociais que se produciron, nomeadamente polas novas tecnoloxías. O Día da Lingua Galega, denominación que propoñemos, máis acaída, debería ser unha celebración máis participativa, onde os protagonistas fosen amáis da literatura, tamén outras manifestacións artísticas (teatro, música, audiovisuais…), e a economía cun común denominador: o idioma que se pretende dignificar e normalizar.

O 31 de xullo de 1959, Florencio Delgado Gurriarán, autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras, expresábao nidiamente a propósito das colaboracións que segundo el deberían publicarse na revista “Vieiros”, editada en México, da que fora durante un tempo membro do consello de redación: “que haxa máis artigos sobre temas económicos, máis ciencia, aínda que haxa menos traballos puramente literarios; xa que hoxe é posible escribir de todo en galego”. Na formación desta opinión posiblemente influíse o exemplo de publicidade comercial editada integramente en lingua galega non descoñecida polo escritor valdeorrés. Falo do “Almanaque Agrícola ZZ”, un libriño que se empezou a editar en 1952 con periodicidade anual e que aínda hoxe pervive.

Efectivamente, circunscribir o prestixio dunha lingua ao ámbito literario é un perigo polo que supón consolidar prácticas diglósicas (restrinxir os usos da lingua galega a determinados ámbitos) que gravaron no subconsciente dos galegos a minusvalorización do noso idioma para outros usos.

As contradicións son evidentes: inconscientemente os organizadores dos actos culturais envíanlles aos asistentes esta perversa mensaxe subliminal: sexan patriotas, merquen libros en galego; aínda que consoman produtos etiquetados en lingua distinta da nosa.

O patriotismo literario non debe excluír o económico. Os cidadáns en canto consumidores deben ser decisivos na galeguización das marcas comerciais. Velaí o poder que teñen eses milleiros de militantes nacionalistas/galeguistas adscritos a formacións políticas e sindicais. Abondaría con que os dirixentes desas formacións tivesen políticas lingüísticas acertadas que orientasen aos seus militantes e lle fixesen fronte á ideoloxía diglósica.

Xosé González Martínez é Presidente Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.