O Covelo traslada ao pavillón municipal a Feira de Artesanía e Nadal

Ante a previsión de choivas

O Covelo | O Concello de Covelo informa de que a Feira de Artesanía e Nadal prevista para este sábado, 6 de decembro de 2025, cambiará a súa ubicación inicial na Praza Mestre Cerviño e celebrarase finalmente no pavillón municipal, debido ás previsións de inestabilidade meteorolóxica e chuvias intensas.

O obxectivo deste cambio é garantir o correcto desenvolvemento da feira, así como ofrecer maior comodidade ás persoas asistentes, aos postos participantes e ás actividades programadas ao longo da xornada.

Programa da Feira
A feira dará comezo ás 10:30 h e contará cun amplo abano de propostas culturais, creativas e solidarias:

10:30 h – Apertura da feira
– Postos de artesanía, produto local, segunda man e o Espazo de Reparación Colectiva (Repair Café), onde persoas voluntarias axudarán a recuperar obxectos e darlles unha segunda vida.
– Recollida solidaria de alimentos, tapóns e xoguetes, promovida polo Grupo de Voluntariado Social de Covelo, coa colaboración de Stop e da ANPA O Suído, dentro da campaña “Cada neno, un xoguete”.
– Un espazo perfecto para atopar agasallos de Nadal únicos, feitos con cariño, creatividade e talento local.

11:30 h – Obradoiro de cociña de Nadal
Para pequenos e maiores, con elaboración de dúas receitas típicas e degustación final.

13:00 h – Sesión vermú musical con Toti Voz
Un convite a desfrutar da música mentres continúa a actividade da feira.

16:00 h – Obradoiro infantil de Nadal
Barafunda Animación guiará ás crianzas na creación de renos con piñas e Nicolases de algodón.

16:30 h – Actuacións musicais tradicionais
Coa participación dos grupos Os Troulas e As Retranqueiras de Barcia de Mera.

17:30 h/18 h – Visita dos Trasnos do Nadal e Papá NoelCon globoflexia, buzón máxico e un photocall de globos no que cada familia poderá levar unha foto de agasallo.

O Concello de Covelo agradece a colaboración de tódalas entidades participantes, das persoas voluntarias e dos postos de artesanía e produto local, así como a implicación da veciñanza para manter viva unha feira que xa forma parte da tradición e do espírito destas datas. Agardamos a todos e todas no pavillón municipal para desfrutar dunha xornada especial chea de ambiente, creatividade e Nadal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.