O Covelo solicita á Xunta melloras urxentes para o seu centro de saúde

Pide praza para a médica xubilada e restitución do servizo de pediatría

O Covelo | O goberno de Covelo urxe a inmediata actuación da Consellería de Sanidade para a mellora da atención sanitaria no centro de saúde local.

O alcalde, Pablo Castillo, logo de solicitar no mes de novembro un encontro co conselleiro Julio García Comesaña, solicita que se cubra de inmediato a praza da médica xubilada de Maceira de xeito que a poboación estea atendida con dous médicos de atención en consulta e domicilios.

Ademais, urxe na necesidade da inaprazable restitución do servizo de atención de pediatría no centro de saúde local, e recorda que así lles foi comunicado en diversas reunións mantidas cos responsables da direccíon da área sanitaria de Vigo.

No mes de novembro o goberno local xa instara á Xunta de Galicia a incluir nos orzamentos do 2022 as partidas necesarias para acometer as obras de reforma e acondicionamento integral do Centro de Saúde de Covelo.

“Sendo plenamente consciente de que é necesario buscar a racionalidade e a eficiencia nos gastos de sanidade, consideramos que non se deben aplicar os mesmos criterios de media e cuotas de cartillas por médico aos profesionais que exercen no rural que aos que o fan na cidade”, explica Castillo.

Ademais, o rexedor local insiste en que non se pode comparar as distancias que recorren os médicos do rural cos das cidades nin o estado das estradas polas que transitan. “Nin tampouco podemos comparar o nivel de rendas, a densidade, nin a idade media ou o índice de avellentamento da poboación que atenden. Todos sabemos que a poboación do rural ten maior necesidade de servizos de atención médica en consulta e en domicilios que a poboación da cidade”.

Por último, reclama o compromiso da Consellería de Sanidade na execución de obras de reforma e acondicionamento integral da totalidade do inmoble axeitándoo aos novos usos e servizos demandados tanto polos facultativos como polos usuarios/as. Por este motivo, o Pleno da Corporación aprobou recentemente a cesión á Consellería de Sanidade, para o uso sanitario, da totalidade dos inmobles e parcelas afectadas.

No pleno ordiario de decembro, o goberno apoiou a moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que se completou coa inclusión dun punto que demandara as peticións específicas para a mellora integral do Centro, a incorporación dun novo médico/a e a recuperación do servizo de pediatría en Covelo.