O Covelo mellorará a contorna da igrexa de Santiago

Se executarán obras de saneamento, recollida de augas pluviais e cambio do asfalto por pedra

O Covelo | O goberno de Covelo avanza na súa aposta por unha vila máis amable para as persoas e mellorará a contorna da igrexa de Santiago en Prado da Canda. Froito da boa xestión económica e transparencia da contabilidade municipal, o Concello pode permitirse esta actuación que ten un custo de 197.302€ que serán financiados con fondos propios a través do Plan Concellos 22/23 da Deputación de Pontevedra.

O alcalde Pablo Castillo informa que as obras abordarán o saneamento en dous ramais da Aldea de Abaixo, a canalización das recollidas de auga pluviais e a renovación do pavimento na contorna da igrexa que pasará do actual asfalto á pedra nun exercizo de embelecemento da zona.

“Traballamos para que o día a día da nosa veciñanza sexa máis doado e agradable por iso a nosa prioridadde é a mellora dos espazos e servizos públicos indispensables para desenvolvernos, para relacionarnos e mesmo para recibir ás persoas que nos visitan”. O Concello realizará unha intervención integral con traballos no subsolo e tamén en superficie transformando o espazo público para un maior desfrute da cidadanía.

Para a execución das mesmas deberán realizarse traballos de demolición; preparación do terreo, colocación de drenaxe, tubaxes e colectores; preparación de cunetas con adoquín en granito silvestre, retiradas previamente as existentes de formigón, e apertura de cunetas onde exista arcén de terra. Ademais, instalaranse canaletas e rellas de fundición e renovarase o pavimento en todo o trazado tanto na Aldea de Abaixo como no ramal con tramos de formigón e espazos e accesos peonís con solados de granito silvestre ao igual que na contorna da igrexa de Santiago. As obras complétanse coa instalación de novas barandas, pasamáns e rodapés. Tamén se contempla a colocación de bancos de granito silvestre e sinalización de limitación de velocidade a 30km/h.