
O Covelo | O Concello de Covelo continúa a apostar pola formación continua e o envellecemento activo coa posta en marcha de novos seminarios dirixidos á veciñanza maior de 50 anos, no marco do convenio de colaboración coa Universidade de Vigo baixo o título “Mareas de Coñecemento”.
Este programa ten como obxectivo seguir promovendo o coñecemento, manter á cidadanía activa e favorecer o acceso á formación universitaria no rural, ofrecendo contidos actuais e de interese social. Tras o éxito dos seminarios xa celebrados sobre saúde e benestar e arte e historia, o ciclo continúa durante o mes de abril con dúas novas propostas formativas: No ámbito da saúde física e mental, desenvolverase o seminario “A soidade non desexada”, cunha duración de 4 horas, que terá lugar o vindeiro 13 de abril ás 16:00 horas na sala multiusos de Covelo (debaixo da Galiña Azul). Esta sesión teórico-práctica abordará o concepto de soidade, os seus diferentes tipos e tamén as súas posibles oportunidades, ademais de afondar no papel das emocións básicas, positivas, negativas e ambiguas e na importancia do autocuidado como ferramenta clave para o benestar emocional. A actividade incluirá tamén un obradoiro práctico de máscaras. O seminario será impartido por Isabel Ferreiro González, docente da Universidade de Vigo no campus de Ourense e do Programa Universitario de Maiores.
Por outra banda, dentro da área de libre elección, celebrarase o “Taller de fotografía participativa”, cunha duración de 6 horas repartidas en dúas xornadas, os días 20 e 22 de abril ás 16:00 horas, tamén na sala multiusos de Covelo. Esta actividade propón a creación dun mapa fotográfico do entorno cotián do municipio mediante saídas a distintos puntos do concello, fomentando habilidades como a alfabetización visual, a creatividade, a memoria, a confianza e os vínculos sociais. A primeira xornada estará centrada na toma de imaxes e a segunda na análise dos resultados e na construción dun relato colectivo.
Este taller será impartido por Xaime Fandiño Pena, profesor da Universidade de Vigo e do Programa de Maiores do campus de Pontevedra.
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou a importancia deste tipo de inciativas: “É fundamental poder ofrecer ás persoas que viven no rural non só servizos básicos, senón tamén oportunidades de formación continua que lles permitan seguir aprendendo, estar activas e adaptarse aos cambios sociais e tecnolóxicos. Seminarios como o de ‘soidade non desexada’ axudan a comprender e xestionar mellor o benestar emocional, mentres que propostas como o taller de fotografía fomentan a creatividade, a participación e o vínculo coa contorna. Ademais, estas actividades crean espazos de encontro entre persoas con intereses comúns, fortalecendo a comunidade”.
Este programa formativo é froito da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e as universidades galegas, permitindo que, por quinto ano consecutivo, a veciñanza de Covelo poida acceder a formación universitaria de calidade sen saír do seu entorno.




