O Covelo destinará máis de 200.000€ para servizos públicos e espazos municipais

Aprobado crédito extraordinario que foi posible grazas ao remanente de tesourería

O Covelo | O pleno ordinario do Concello de Covelo aprobou habilitar un crédito extraordinario de 201.026,75 € procedente do remanente de tesourería que agora destinará a diferentes proxectos de mellora de espazos e servizos públicos municipais.

A boa xestión económica permitíu dispor deste remanente líquido de tesourería que permitirá executar distintos proxectos de acondicionamento de prazas públicas nas parroquias, melloras de accesibilidade e humanización, reparacións e reposición de muros, contratación de empregados con cargo ao programa RISGA, adquisición de novos inmobles municipais e equipamentos que melloren os servizos públicos municipais.

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde Pablo Castillo, adianta que seguirá sendo o seu obxectivo principal mellorar o día a día da veciñanza. “Traballamos para optimizar os recursos municipais facendo unha boa xestión dos mesmos. Isto permite que poidamos ofrecer mellores servizos, dar maior cobertura dentro das nosas competencias, atender ás necesidades da cidadanía e, por suposto, atender ás parroquias do mesmo xeito que atendemos o centro urbano”.

As contas saneadas permiten que o Concello estea en disposición de aportar a súa porcentaxe nos proxectos que obtiveron o apoio das diferentes administracións, estatal, autonómica e provincial. Deste xeito, e cos votos a favor do goberno, o pleno da Corporación aprobou a aportación de 45.659,83 € para a obra de mellora de accesibilidade e humanización da praza e camiño da Ermida, que corresponde ao 20 % do custo total da obra. Tamén aprobou aportar 65.250 € para o proxecto de acondicionamento do ximnasio no pavillón municipal que ten un orzamento total de 435.000 €.

Ademais, posibilitará a ampliación do patrimonio municipal xa que, cos cartos do remanente, o Concello mercará o piso situado enriba da biblioteca pública municipal para ampliala. O prezo do inmoble ascende a 42.000€ financiados ao 100 % polo Concello.

Este saldo positivo fai posible que o Concello realice, tamén, un investimento de 3.487,26€ para a mellora do equipamento do auditorio municipal, un 80 % do total da inversión. O pleno da Corporación tamén aprobou a proposta do goberno de destinar 13.028,51 € á contrución do muro de contención na Bouza, en Prado da Canda para cubrir o 100 % do gasto e 3.573,82 € para a posta en valor da Pontella da Graña, sendo este importe o 20 % do orzamento total para esta acción.