O Covelo celebra o Día Mundial da Auga

Con limpeza voluntaria dos espazos verdes

O Covelo | A asociación Covelo Natural, en colaboración co Concello de Covelo e coa Xunta de Galicia, convida a participar na xornada de voluntariado ambiental para a limpeza de espazos verdes que terá lugar o sábado 18 de marzo.

A organización establece como punto de encontro a praza Mestre Cerviño ás 10:30 horas e as persoas interesadas deberán darse de alta no programa de voluntariado de Covelo antes do 17 de marzo. A inscrición debe facerse no departamento de Servizos Sociais do Concello. No número de teléfono 986 65 00 27/47 poderán obter máis información sobre esta xornada.

As persoas participantes estarán cubertas por un seguro que se tramita no momento da inscrición e non ten custo para as e os participantes. A organización ofrecerá un “picnic” ao remate da actividade que se desenvolverá de 10:30 a 13:00 horas.

Lourdes Enes, concelleira responsable de voluntariado, explica que estas actividades non só supoñen a realización de tarefas de limpeza, “inciden na concienciación e na posta en valor dos nosos espazos naturais e promoven o compromiso colectivo co patrimonio natural”.

Pola súa banda, a asociación Covelo Natural engade que estes encontros, ademais de fomentar o respecto polo medio ambiente e fomentar hábitos de vida saudable, posibilitan un momento para estreitar lazos entre persoas con inquedanzas comúns.

A asociación Covelo Natural vén desenvolvendo actividades de coñecemento e posta en valor do patrimonio natural dende o ano 2000.

Formación dixital de xestións administrativas
A veciñanza de Covelo recibíu formación no uso de ferramentas dixitais para relacionarse coa administración a través da rede. Profesionais da Administración Pública impartiron no auditorio municipal unha clase sobre os principais servizos prestados pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e os servizos electrónicos da administración xeral do Estado.

O Concello de Covelo puxo á disposición dos profesionais da administración todos os medios posibles para que a cidadanía recibise formación do programa “La Administración cerca de tí” que se desenvolve nas vilas de España para mellorar o coñecemento de ferramentas dixitais que facilitan a tramitación de determinados servizos sen ter que saír da casa. A tan só un clic podemos acceder aos nosos expedientes, realizar solicitudes e comprobar notificacións, entre outras xestións.

Dun xeito sinxelo, abordouse como descargar unha “Clave” que nos dea acceso a información e trámites ou un “certificado dixital”. Tamén se explicaron as medidas de seguridade de cada unha das plataformas, as principais características de cada unha delas, en que dispositivo electrónico e cando é axeitado utilizar unha ou outra e diversas consideracións e recomendacións para o seu emprego. Ademais facilitaron aos/ás asistentes a posibilidade de rexistrarse co sistema Clave.

A administración electrónica permite que as persoas que manexan dispositivos como un teléfono móbil ou un ordenador poidan xestionar citas, inscribirse en procesos, obter información, realizar consultas, coñecer o estado das súas solicitudes e moitas outras tarefas evitando desprazamentos. O Concello de Covelo colabora coas distintas administracións para contribuír na alfabetización dixital e facilitar así o acceso á información e trámites electrónicos a un maior número de persoas o que supón un número menor de desprazamentos, un mellor manexo do tempo por parte das persoas, a contribución á redución de emisións de CO2, maior transparencia e mellor gobernanza, entre outros aspectos.