O Porriño | O Porriño prepárase xa para celebrar esta fin de semana unha das súas tradicións máis emblemáticas e emotivas: as alfombras florais do Corpus Christi, unha expresión de arte popular que enche as rúas do centro de cor, devoción e traballo comunitario.
Esta tradición, que se remonta á década de 1930 da man das floristas do municipio, continúa viva grazas ao esforzo e á ilusión de numerosas persoas voluntarias. A celebración terá lugar este domingo 22 de xuño, e o proceso de elaboración das alfombras comezará xa o sábado pola tarde, coa participación aberta a toda a cidadanía.
Na presentación oficial da lona e dos carteis da campaña, celebrada onte, o Alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia cultural e emocional desta celebración: “O Corpus no Porriño non se entende sen as súas alfombras. É unha tradición que fala de nós, da nosa xente, de como un pobo se une para crear arte efémera na rúa. Gracias a todos os voluntarios, ás Amas de Casa Rosais, aos debuxantes e a todas as persoas que cada ano fan posible esta marabilla.”
A Concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, puxo en valor o carácter participativo do evento: “As alfombras do Corpus son unha tradición preciosa que queremos seguir mantendo entre todas e todos. A elaboración e pintado das alfombras comezará o sábado pola tarde, e estamos encantados de convidar a todas as persoas que queiran colaborar a que se acheguen e nos axuden a seguir facendo historia.”
Desde o Concello do Porriño anímase a veciñas, veciños e visitantes a gozar e participar nunha festividade que cada ano transforma as rúas nun auténtico tapiz de cor, fe e tradición, reafirmando o sentimento de comunidade e pertenza.