O Corpus 2026 xa ten cartaz

Estela Martínez gaña o concurso cunha proposta que combina elementos tradicionais

Ponteareas | Por ser quen de condensar o sentir e a tradición das alfombreiras/os do Corpus Christi de Ponteareas nun deseño, a ponteareá Estela Martínez Pérez resultou gañadora do Concurso de Cartel de Corpus Christi 2026.

Nun acto aberto ao público que contou con moita participación, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez Carrera, e a alcaldesa Nava Castro deron a coñecer o nome da persoa gañadora e a súa proposta.

“Vivimos hoxe un dos momentos máis emocionantes do Corpus Christi, a presentación do seu cartel, un deseño que nos acompañará e representará e que tamén compartiremos”, sinalou o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura.

A choiva de pétalos dende os balcóns é a protagonista dun deseño alegre, cheo de cor e vibrante. Unha alfombra de flores de Ponteareas completa o deseño no que se intúe a igrexa de San Miguel e a procesión, “recollendo así todos os elementos que forman parte da tradición de Corpus”, explicou o alfombreiro Miguel Mera, membro do xurado. O resultado final, continuaron dende o xurado, “é froito dun coñecemento do sentir das e dos alfombreiros”.

Estela Martínez Pérez é alfombreira do tramo “A Xiralda” e estudou ilustración na Escola de Arte e Superior de deseño “Antonio Failde” de Ourense facendo as prácticas na Escola de Arte de Ponteareas. Sen palabras para expresar a emoción do momento, a ponteareá foi arroupada polo público co que se fixo fotografías e do que recibiu os seus parabéns.

Dezaoito traballos competiron e foron detalladamente analizados por un xurado composto por alfombreiros, técnicos municipais e deseñadores locais, “unha cifra que simboliza o interese que esperta este concurso”, engadíu Carrera.
Este 2026 a festa do Corpus Christi de Ponteareas será o 7 de xuño “ata entón o cartel será compartido e presentado en feiras como a de FITUR, en certames e aló onde as e os nosos alfombreiros confeccionan alfombras de flores de Corpus Christi”,trasladou a alcaldesa.

Aínda que o peso da tradición e do traballo segue nas mans das e dos maiores “o Corpus Christi de Ponteareas ten relevo xeracional e así o vemos nas rúas cada noite de Corpus e hoxe mesmo cando unha moza alfombreira gaña o concurso”, continuou a alcaldesa. Agora, o nome de Estela Martínez Pérez formará parte da historia do Corpus Christi de Ponteareas que xa é un Ben de Interese Cultural Inmaterial e que agora procura o recoñecemento mundial da UNESCO.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.