O Consello de Ministros autoriza a contratación das obras de saneamento do río Barbaña

Pertimirán rematar coa contaminación que sofre por mor dos vertidos

Ourense | O Consello de Ministros vén de autorizar a celebración do contrato de obras de finalización do saneamento do río Barbaña, coa mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas fase II por un valor estimado de 35.743.446,90 euros. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que esta nova é de “vital importancia” para a provincia e amosa o compromiso do executivo, encabezado polo PSOE, para licitar as obras dun proxecto que “permitirá que o Barbaña acade un óptimo estado ecolóxico e químico nas súas augas”.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, fan fincapé en que “este é un dos últimos pasos para licitar o contrato das obras” e explican que o proxecto “prevé a ampliación da EDAR existente para un funcionamento máis fiable e flexible, que trate con maior capacidade as augas residuais dunha poboación que aumentou notablemente, así como das actividades industriais que xeran vertidos ao río”. Substituiranse 3,3 quilómetros de colectores de augas fecais, 16,5 quilómetros de colectores de augas pluviais e acondicionaranse 19 puntos de vertido, entre outras actuacións.

EDAR
“Estamos falando dun dos maiores investimentos en materia de medio ambiente na provincia de Ourense, que permitirá recuperar o río Barbaña nas mellores condicións e rematar coa contaminación que sofre por mor de vertidos e dunha EDAR que non é suficiente para a poboación actual da zona”, afirman Villarino e Martín.

Deputada e senador sinalan tamén que as críticas constantes do Partido Popular ao proxecto “están completamente fora de lugar”, xa que tal e como lembran “da man dos gobernos de Rajoy en Moncloa e de Feijóo na Xunta, tan só se destinaron pequenas partidas que non xurdiron ningún efecto”. Neste senso explican que “o que fixeron os gobernos populares “foi instalar cabinas de control para evitar os vertidos, pero non os evitaban, simplemente mandaba aviso de contaminación, cando esta xa estaba presente no río”.

“Dende a chegada do PSOE ao Goberno central comezouse a traballar para frear a contaminación do río e os vertidos que leva sufrindo a EDAR de San Cibrao ante a falta de control e solucións durante os mandatos do PP”, sinalan Marga Martín e Rafa Villarino.

Senador e deputada subliñan que “este novo paso dado polo Consello de Ministros amosa o compromiso de Pedro Sánchez coa nosa provincia, co medio ambiente e con solucionar unha grave problemática que se arrastra dende hai décadas e ante a que os gobernos do PP preferiron mirar para outro lado”. Nas imaxes o río Barbaña atravesando a cidade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.