O Consello da Cultura é competente para informar o proxecto Altri.

Cadernos da viaxe.

No proceso en trámite na Xunta que tramita o proxecto industrial estratéxico dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa en Palas de Rei, promovido pola empresa Greenfiber, S.L. e da que é socia maioritaria a portuguesa Altri (proxecto Altri) a Secretaría Xeral de Industria non contou co Consello da Cultura Galega (CCG) como institución que habería emitir informe previo a respecto do procedemento en curso, que tramita a solicitude de autorización ambiental, o estudo de impacto ambiental e máis a declaración de utilidade pública (con efectos expropiatorios) deste proxecto.

De todos os xeitos o informe foi elaborado por unha equipa multidisciplinar de dez expertos e aprobado pola Comisión Executiva do CCG, que é unha institución estatutaria autónoma e independente a respecto da Administración autonómica galega, sendo publicado hai moi poucos días.

Na súa liña cotián e reiterada de facer oposición a calquera iniciativa mínimamente crítica co Goberno Rueda e amosando un claro descoñecemento do Dereito Público Galego, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou que o CCG non era quen para emitir informe a respecto dun proxecto industrial complexo, como o devandito.

Paula Prado trabúcase por descoñecemento ou tenta confundir. O CCG foi creado polo Estatuto de Galicia (artigo 32) como institución para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, com expresas competencias de asesoramento, consulta e informe aos poderes autonómicos no que xulgue preciso para as devanditas finalidades, sendo competente o propio Consello para determinar cando compre esta función de informe, asesoramento ou consulta (artigo 6 da Lei 8/1983, do CCG).

O mesmo artigo outórgalle competencia para analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego e o artigo 7.1 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural galego defíneo como o máximo órgano de asesoramento e consulta dos poderes públicos galegos no que atinxe ao patrimonio cultural.

“É evidente a competencia do CCG, xa que o proxecto Altri afecta ao ao Camiño francés de Santiago, ao Castelo de Pambre e a outros elementos patrimoniais”

Entón, é evidente a competencia do CCG, xa que o proxecto Altri afecta ao ao Camiño francés de Santiago, ao Castelo de Pambre e a outros elementos patrimoniais. Mais a competencia do CCG é moito máis intensa e extensa se a analizamos no contexto europeo. Velaí a Declaración de Cáceres (2023) dos Ministros de Cultura da UE no que se recoñece a indisolubilidade entre o patrimonio cultural, a economía e o territorio. Porque na UE actual a protección do patrimonio cultural relacíonase indisolúbelmente co patrimonio ambiental, coa política territorial e, xa que logo, coas políticas industrial e de promoción económica.

Esta competencia complexa, que atinxe a un feixe de cuestións moi vencelladas (protección ambiental, hidroloxía, elementos do patrimonio cultural, paisaxe, emisións contaminantes, política agraria, turismo, desenvolvemento rural, saúde pública…) esixiu a participación coral de dez expertos de recoñecido prestixio académico e profesional dentro e fóra do país.

Que, dende logo, nada gañan e abondo arriscan pondo en negro sobre branco unhas conclusións que reflicten a inconveniencia do proxecto Altri a respecto do noso patrimonio cultural e ambiental e-tamén- a respecto do noso territorio e da nosa economía.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.