O Concello de Salceda apoia as reivindicacións laborais do persoal de Correos

No relativo á dotación de persoal, recursos materiais e medios técnicos necesarios

Salceda de Caselas | O Pleno da Corporación Municipal de Salceda, na súa sesión ordinaria do mes de outubro, amosou o seu apoio unánime ás reivindicacións do persoal de Correos, entidade encargada do servizo postal universal en todo o Estado. O grupo é, na actualidade, a principal empresa pública estatal tanto en dimensión da súa rede como en número de persoas empregadas.

Os catro grupos políticos que conforman a corporación de Salceda acordaron por unanimidade trasladarlle ao persoal da Unidade de Correos do Porriño o apoio ás súas demandas laborais, no sentido de dotala do persoal, recursos materiais e medios técnicos necesarios para a prestación dos servizos postais en condicións da mellor calidade.

Así mesmo, o Concello trasladoulle á dirección da Sociedade estatal Correos e Telégrafos a demanda de dotación de todos os recursos necesarios, tanto de persoal como materiais, para poder realizar o reparto os cinco días da semana, así como a dotación de máis persoal na oficina de atención público de Salceda para a ampliación do horario para prestar atención tamén de tarde.

A unidade do Porriño, da que depende a oficina de Salceda xunto coas de Mos e O Porriño, conta a día de hoxe con 17 prazas para atender o reparto despois de que recentemente se suprimisen catro prazas, ao que hai que sumarlle que non se cubren as ausencias derivadas de baixas ,vacacións ou permisos. Tal é así que durante o verán as tres seccións de reparto a pé, no centro urbano do Porriño, estiveron sen cubrir.

Todo isto leva consigo que o servizo non salga o día, como se reflexa nas estatísticas da unidade: paquetes que chegan con retraso , citas médicas despois da data de citación, citas xudiciais despois do día, ou notificacións administrativas fora de prazos. Isto provoca ademais unha situación de gran sobrecarga de traballo, incrementando a presión sobre as persoas en activo, polo que o persoal está a manter accións de protesta.

CIG Correos, promotora da moción que se debateu no Pleno, considera que é un erro por parte da empresa aplicar un criterio baseado exclusivamente na perda de volume de envíos para a establecer o cadro de persoal necesario, ao mesmo que se introducen novos servizos no rural con criterios exclusivamente comerciais, que engaden maior presión e carga de traballo a un persoal xa saturado.

Todo isto redunda nun peor servizo público postal para o conxunto da veciñanza dos concellos de O Porriño e Salceda, ademais de nunhas peores condicións laborais para o persoal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.